Os novos dispositivos estarán en funcionamento antes de que remate o ano e repartiranse por todos os barrios da cidade
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada da concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e a presidenta de STOP Accidentes, Jeanne Picard, anunciou esta mañá a próxima instalación de 165 novas sinais luminosas nos pasos de peóns da cidade. O obxectivo desta intervención será mellorar a seguridade peonil.
«Damos un novo paso dentro das actuacións que temos executadas durante os últimos anos para crear espazos seguros para os peóns», sinalou Rey, lembrando obras de calmado do tráfico e humanización, que buscan dar prioridade aos peóns sobre os vehículos. Segundo as estatísticas da Policía Local, a maioría dos atropelos que se rexistran na cidade ocorren nos pasos de peóns.
As novas sinais, tal e como anunciou a alcaldesa, estarán instaladas e en funcionamento antes de que remate o ano e a actuación conta cun orzamento de 280.000 euros, financiados cos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno de España. Haberá dous tipos de sinais. Por unha banda, 141 serán sinais de pasos de peóns retroiluminadas, similares as que xa están instaladas en distintos puntos da cidade. Ditas sinais acenderanse pola noite e funcionarán con enerxía solar, contribuíndo a dar unha maior visibilidade ao paso de peóns, alertando aos condutores da súa presenza. Por outra banda, tamén se instalarán 24 sinais nos báculos dos semáforos que terán catro luces led nas esquinas e dous proxectores que iluminarán cara a calzada. Deste xeito mellorarase notablemente a visibilidade tanto do sinal como do propio paso.
As localizacións destas novas sinais decidíronse tendo en conta os datos de accidentes, as vías de maior velocidade e de menor iluminación ou a proximidade a zonas sanitarias ou escolares. Esta mesma semana levarase a cabo un estudo in situ dos 165 puntos de colocación.
A alcaldesa da Coruña fixo fincapé na importancia de mellorar a seguridade viaria na cidade e de protexer aos peóns de posibles atropelos. Segundo as estatísticas da Policía Local, no pasado 2023 houbo un total de 117 persoas atropeladas en vías da cidade, das cales 77 sinistros producíronse en pasos de peóns, 27 regulados e 50 sen regular. No que vai de 2024, expuxo a alcaldesa, van un total de 60 atropelos, dos cales 41 foron en pasos de peóns (17 regulados con semáforo e 24 sen regular). Un 66% do total de atropelos ocorren nos pasos de peóns, regulados e sen regular. No último lustro a cifra anual rolda o cento de atropelos na cidade.
Pese a estas cifras, a alcaldesa quixo destacar que desde o 2022 non houbo ningún falecido en estes sinistros. A demais, a media de atropelos tamén baixou desde hai un decenio. Do 2014 ao 2018 a media situábase en 141 anuais e entre o 2019 e 2024 está en 102. A rexedora destacou o traballo levado a cabo desde as áreas de Infraestruturas e Mobilidade para dotar ao distintos barrios de espazos máis seguros para os peóns a través de proxectos de calmado do tráfico e humanización de rúas, así como o impacto positivo que tivo o plan Coruña 30 neste sentido, reducindo a velocidade máxima de circulación en numerosas rúas da cidade. A nova sinalización vén incidir no mesmo obxectivo: facer as rúas máis seguras para os peóns.