O delegado territorial, Javier Arias, explica que se acadará maior eficiencia enerxética despois de cambiar as ventás, substituír o sistema de iluminación por outro tipo LED e instalar falso teito.
A Xunta realizou melloras no edificio de Infantil do CEIP Rosalía de Castro de Lugo cun investimento de 47.800 euros. Os traballos executáronse durante as vacacións de verán.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou esta mañá o centro escolar para comprobar o resultado da actuación, coa que se mellora o illamento e a eficiencia enerxética do inmoble.
As obras realizadas incluíron a renovación das ventás, a substitución do sistema de iluminación por outro tipo LED de menor consumo e a instalación de falso teito nas aulas.
Arias destacou que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP traballa para modernizar toda a rede de colexios e institutos da provincia de Lugo. No que respecta a este CEIP, lembrou que en 2016 acometeuse unha importante obra de rehabilitación cuxo orzamento de licitación rondou os 500.000 euros.
Ademais das reformas de gran envergadura, a Xunta executa cada verán unha serie de pequenas e medianas intervencións para actualizar cubertas, aseos, ventás ou ascensores. Na provincia de Lugo, programáronse 105 actuacións en 78 centros para levar a cabo durante as últimas vacacións estivais – entre elas as do CEIP Rosalía de Castro lucense -. O investimento global ascende a dous millóns de euros.