A Xunta esixe ao Goberno central o mesmo trato que outras comunidades e que “concrete xa os medios que prevé traspasar a Galicia para xestionar a súa costa”

O Executivo autonómico ten o compromiso de iniciar a emisión de informes sobre a xestión do litoral en canto se executen esas transferencias e pon comezos de 2025 como horizonte obxectivo para exercer plenamente as súas competencias

A Xunta vai exixir ao Goberno central que dea o mesmo trato a Galicia que ao resto das comunidades e que concrete xa os medios materiais e humanos que prevé traspasar á autonomía para a xestión da súa costa de cara ás negociacións, que se van iniciar proximamente.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, pediu seriedade ao Goberno central para abordar esa transferencia durante o acto de constitución da Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral, órgano que conta coa presenza de distintos departamentos da Xunta e que permitirá traballar de xeito transversal na xestión do litoral.

A representante do Executivo galego explicou que esta comisión permitirá a Galicia seguir avanzando na asunción das súas competencias en materia de ordenación da costa e instou ao Goberno central a ser rigoroso e corrixir as eivas detectadas no borrador de acordo para o traspaso de medios que remitiu a comezos desta semana.

Ángeles Vázquez subliñou que o documento non concreta nin os medios nin o persoal que se transferiría e tampouco a financiación correspondente. “Non estamos ante unha proposta seria; simplemente é un texto ordinario tipo de todos os reais decretos tipo. Unha nova falta de respecto a Galicia”, lamentou.

Na mesma liña, incidiu en que hai grandes diferenzas entre a proposta recibida pola Xunta e a que se fixo a outras autonomías como Cataluña, Canarias e Andalucía. Entre outras cousas, fixa tres meses para a entrada en vigor do real decreto de transferencia dos medios -fronte ao mes establecido noutros casos- e ofrece que Galicia outorgue as concesións para as obras desmontables pero só cando teñan unha duración superior aos catro anos, cando noutras comunidades era unicamente de máis dun ano.

Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático advertiu de que Galicia non se vai conformar con menos do que lle corresponde e que, como comunidade solidaria que é, non vai reclamar nin máis nin menos do que lle pertence para a correcta xestión do seu litoral. Neste sentido, salientou que a Xunta ten calculado que o traspaso de medios afectaría a arredor dun cento de persoas, entre funcionarios e persoal laboral, pero lembrou que é o Goberno central quen terá que aportar datos concretos para poder iniciar as negociacións formais.

Comisión

Ángeles Vázquez puxo en valor a constitución da comisión interdepartamental como un paso máis na aplicación e desenvolvemento da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia que avalou o Tribunal Constitucional confirmando que a comunidade ten dereito a decidir sobre a súa costa.

De feito, o Diario Oficial de Galicia publicou o 10 de setembro o decreto polo que se regulan as funcións, composición e funcionamento deste órgano no que están integrados, ademais da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, representantes das Consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Cultura, Lingua e Xuventude; e Mar. De feito, os seus titulares -Diego Calvo, José López Campos e Alfonso Villares- asistiron tamén ao acto de constitución.

Esta ampla participación busca a coordinación e o traballo transversal co fin de avanzar na elaboración, aplicación e seguimento dos instrumentos de ordenación do litoral e de deseñar os criterios interpretativos ou directrices que resulten necesarias para executar esta xestión integrada. A finalidade última é ordenar a costa desde o punto de vista do territorio, do medio ambiente así como tendo en conta os aspectos socioeconómicos.

Nesta liña, Ángeles Vázquez subliñou a relevancia da economía azul para Galicia, polo que todas as actividades do ámbito marítimo-pesqueiro serán respectadas e apoiadas pola lei. Ao mesmo tempo, o enfoque multidisciplinar da normativa faina exemplo a nivel nacional na xestión do litoral, motivo polo que outras comunidades -Baleares, Valencia, Canarias e Cantabria- xa se puxeron en contacto coa Xunta para seguir unha liña de actuación semellante.

Unha vez creada esta comisión interdepartamental, o seguinte paso do Executivo galego na execución das súas competencias será a creación do Foro do litoral que, como recolle a propia lei, será o máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento en materia de ordenación do litoral.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático concluíu incidindo en que Galicia ten o compromiso de, en canto reciba o traspaso formal dos medios materiais e humanos por parte do Goberno central, comezar a traballar na emisión dos primeiros informes sobre a xestión do litoral xa a principios de 2025, exercendo así plenamente as súas competencias neste eido.

Comparte éste artículo
No hay comentarios