O BNG de Lugo defenderá no pleno de outubro que a Xunta cubra o persoal necesario nos centros de ensino públicos

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo criticou que «a Xunta anunciase que este curso ía ser un récord en canto a persoal docente mentres que as familias se están a mobilizar para que se cubra o persoal pedido antes do verán».

O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG vén de rexistrar unha moción para o pleno ordinario de outubro onde reclamará á Xunta de Galiza que cubra todas as prazas vacantes nos centros de ensino de Lugo dependentes da Consellería de Educación. Arroxo afirmou que «un día antes do comezo do curso, o Conselleiro de Educación compareceu no Parlamento de Galiza e anunciou que este curso ía contar cun récord de docentes, un mes despois vemos como as familias se están a mobilizar para reclamar contar co profesorado necesario nos centros de Lugo».

Na xornada de hoxe as ANPAS dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti están a denunciar carencias de persoal docente en ambos centros, carencias que xa foron reclamadas antes do verán á Consellería. A dirección dun
destes centros tamén se suma ás reclamacións das familias, reclamando máis persoal docente, segundo recolle no día de hoxe a prensa local, reclamando profesorado para atender a estudantes con necesidades
especiais.

“Fronte a estes problemas a única solución é aumentar o investimento no ensino público”, afirmou Rubén Arroxo, que destacou que segundo os datos oficiais, entre o 2009 e o 2022 o gasto en educación no conxunto do Estado incrementouse un 19,4%, mentres que en Galiza creceu tan só un 9,9%. Galiza segue á cola do gasto en ensino, por debaixo da media estatal e da maioría das comunidades autónomas.

«Situacións como que as familias e as direccións dos centros de ensino dependentes da Xunta teñan que pelexar ano a ano por contar con persoal específico para, por exemplo, atender ao estudantado con necesidades especiais son xa habituais cada comezo de curso», explicou Arroxo, que lembrou que «é competencia da Xunta garantir un ensino público e de calidade para todas as galegas e galegos».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario