O PP proporá que os orzamentos da Deputación contemplen a posta en marcha dun plan de activación para a comarca da Montaña lucense

por Redacción Lugo

Nesta xuntanza, ademais dos deputados Antonio Ameijide e Jesús Núñez, estiveron presentes representantes de Becerreá, A Fonsagrada, O Cebreiro, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Baleira, Baralla, Triacastela e Cervantes que coincidiron á hora de reclamar un Plan para a Montaña dende a Deputación, que podería comezar coa apertura da residencia de Becerreá.

Os deputados do Grupo Provincial Popular continúan coas xuntanzas programadas con alcaldes e portavoces do PP nos diferentes concellos da provincia e mantiveron unha reunión de traballo cos representantes dos concellos da Montaña, xuntanza na que quedou patente “a gran necesidade que hai na comarca de que a Deputación active un Plan para a Montaña, que podería comezar coa adquisición do material necesario e contratación do persoal para abrir a residencia de Becerreá”.

Nesta reunión participaron e realizaron aportacións, ademais dos deputados Antonio Ameijide e Jesús Núñez, representantes de Becerreá, A Fonsagrada, O Cebreiro, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Baleira, Baralla, Triacastela e Cervantes.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que “vemos este plan moi necesario”e debería contemplar actuacións como o mantemento de infraestruturas fundamentais, ademais do remate daquelas comprometidas, , medidas reais e efectivas para a creación de emprego e cumprir os compromisos de apertura das residencias e os servizos para as persoas.

RESIDENCIA BECERREÁ

Antonio Ameijide explica que este plan podería ter como punto de partida a posta en marcha da residencia de Becerreá, cuxas obras remataron en marzo de 2022 e tiña que estar en funcionamento antes do 19 de decembro de 2023, pero a realidade é que case un ano despois “segue pechada” sen que José Tomé e os seus socios do BNG se preocupen de poñela en marcha.

“Trátase dunha gran demanda, non só en Becerreá, senón en toda a comarca por tratarse dun servizo fundamental que precisan moitas familias”, explicou.

Por este motivo, no documento de propostas para os orzamentos que se elaborará no Grupo Provincial Popular recollerase a contratación do mobiliario e do persoal para poder abrila e poñela en marcha.

Unha reivindicación que os deputados populares seguirán realizando “ata que a residencia abra as súas portas” polo que “seguiremos ao carón dos veciños que levan moitos meses facendo público o seu rexeitamento ás políticas de PSOE e BNG á fronte da Deputación, chegando ao punto de que “os expulsan dos plenos da Deputación porque non queren escoitar as verdades que lles expoñen estes veciños”.

O centro de día e residencia de maiores de Becerreá ten capacidade para 140 usuarios (100 en residencia e 40 en centro de día) e daría emprego a preto dun cento de persoas.

RESTO DE RESIDENCIAS PROVINCIAIS

Os deputados populares tamén defenderán que a Deputación de Lugo tamén cumpra cos compromisos adquiridos no resto da provincia e axilice as obras das residencias que están en marcha, como pode ser o caso de Guitiriz ou A Pobra do Brollón, ou que inicie os traballos naqueles municipios nos que tamén se comprometeron e nada se fixo, como pode ser o caso de Folgoso do Courel ou Portomarín.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario