O BNG apura o executivo a presentar, con máis celeridade, o proxecto de orzamentos e garantir un financiamento adecuado.
Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o BNG a través do seu deputado, Néstor Rego, animou o executivo aabandonar calquera política que contribúa para empeorar as condicións laborais ou a calidade de vida dos traballadores e traballadoras. En materia migratoria, demanda ao executivo insistir na necesidade de atallar as causas das migracións forzadas e camiñar cara a unha nova visión das relacións internacionais baseadas na paz, a solución pacífica e diplomática dos conflitos, así como a cooperación para o desenvolvemento de todos os países. A respecto da Galiza, o deputado nacionalista defendeu a necesidade de que o Goberno cumpra, con celeridade, os compromisos adquiridos no Acordo de Investidura acordado polo BNG, sobre todo en políticas sociais e no campo das infraestruturas.
Sempre na defensa dos intereses de Galicia
“O BNG reclama do seu goberno que presente o antes posible o proxecto de orzamentos. Entre outras cousas porque esa é a premisa para que este goberno cumpra coa Galicia, cumpra os compromisos adquiridos co BNG no Acordo de Investidura, especialmente en relación coas políticas sociais e co investimento territorializado para poder recuperar nalgunha medida o déficit histórico na dotación de infraestruturas e servizos que padece o noso País” demanda Néstor Rego.
Para a organización nacionalista, cuestións como a modernización da rede ferroviaria interna, a mellora dos servizos ferroviarios existentes, a creación do servizo de proximidade nas áreas urbanas e metropolitanas, comezando polas que superan 500 000 habitantes, o impulso ao corredor Atlántico de mercadorías, ou completar infraestruturas viarias en marcha, son fundamentais para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas e, alén do máis, son de xustiza porque “se trataría de corrixir a discriminación histórica da Galiza nesta materia”.
Mais tamén, engade Rego, a creación de novos xulgados de violencia de xénero, un maior financiamento por parte do Estado nas políticas de dependencia, a quita da débeda pública da Galiza ou “avanzar para un novo modelo de financiamento máis xusto co noso País, que, ademais, dea aos galegos e galegas a chave do seu diñeiro, máis recursos, e a capacidade de mellorar as políticas e os servizos públicos”.
En contra de calquera medida de recorte social
“Abandonen calquera medida que vaia na dirección de empeorar as condicións de vida e benestar das maiorías sociais, das clases populares, dos traballadores e traballadoras” demandou o deputado do BNG ao Goberno do Estado. Néstor Rego lembra que a organización nacionalista non apoiará reformas que vaian neste sentido e, se non cambian cuestións importantes, non votarán a favor da reforma de pensións acordada no chamado -polo Goberno- diálogo social.
Nun primeiro paso, incide Néstor Rego, débese recuperar a idade de xubilación aos 65 e a parcial ao 61 pero “o Goberno o que fai é atrasar a xubilación parcial na industria manufactureira; que se debe despenalizar a xubilación anticipada a partir de 35 anos cotizados e reducir o período de cómputo para evitar perdas na contía das pensións futuras”.
Ademais, o deputado nacionalista demanda abandonar o camiño da privatización da sanidade pública “trasladando ás mutuas o tratamento e as probas diagnósticas das incapacidades de orixe traumatolóxico”.
Sobre o globo sonda lanzado pola ministra de Seguranza Social coa proposta das baixas flexibles, Rego cualificou a iniciativa como “digna das mellores políticas neoliberais”. “O BNG defende derrogar integramente a reforma laboral do Partido Popular cousa que non fixeron no ano 2022 e recuperar dereitos para os traballadores e traballadores” exixe.
Política migratoria e papel do estado en materia internacional
En relación coa inmigración, “insistir na necesidade de atallar as causas das migracións forzadas, de camiñar para unha nova visión das relacións internacionais baseada na paz, na solución pacífica e diplomática dos conflitos, na cooperación para o desenvolvemento de todos os países sobre a base das súas potencialidades e en impulsar políticas que garantan a sustentabilidade global”. O Estado español, urxe Rego, debe organizar adecuadamente a acollida de persoas migrantes especialmente de menores non acompañados.
Debe garantir, engade, o financiamento adecuado para que as Comunidades Autónomas poidan realizar esa acollida e programas de integración social, lingüística, educativa ou laboral das persoas acollidas.
Paz para Palestina e o Líbano
O deputado do BNG clamou por “Paz tamén para Palestina, masacrada polo sionismo criminal, Paz para o Líbano, agredido e invadido sen que houbese sancións a Israel nin actuacións para frear a agresión”. E reclamou ao Goberno español que rompa xa relacións con Israel e faga efectivo o recoñecemento do Estado Palestino.