A Deputación rexeita a proposta de Diego Calvo para financiar a remodelación de Riazor para o Mundial a partes iguais con Xunta, Concello da Coruña e CSD

por 21 Noticias

A Deputación da Coruña rexeita a proposta do conselleiro do Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, de financiar a partes iguais co Concello da Coruña, o Consello Superior de Deportes (CSD) e a propia Xunta de Galicia o 70% do investimento necesario para adaptar o estadio municipal de Riazor para que sexa unha das sedes do Mundial de fútbol de 2030.

A Deputación asina hoxe co Concello da Coruña o protocolo para colaborar no financiamento das obras de Riazor no que amosa a súa disposición a colaborar, dentro das súas posibilidades económicas, co resto de administracións para que A Coruña sexa sede do Mundial, pero considera inxusta e desproporcionada a proposta de Diego Calvo de que as reformas do estadio de Riazor sexan financiadas a partes iguais polas catro institucións.

Neste sentido, desde a institución provincial remarcan que a Xunta de Galicia conta con 13.257 millóns de orzamento anual en 2024 fronte aos 222 millóns da Deputación, cuxa misión fundamental é colaborar economicamente cos concellos para que podan dispor de infraestruturas e servizos públicos de calidade, polo que destinar máis de 12 millóns á reforma do estadio de Riazor suporía unha notable merma de recursos para os concellos e para a cidadanía do resto dos municipios da provincia.

A Deputación lembra que o seu orzamento de Deportes é de algo máis de 6 millóns de euros anuais, uns fondos que en boa medida serven para dar apoio a máis de 650 clubs deportivos de base en toda a provincia, polo que unha achega de 12 millóns de euros suporía o orzamento completo da área de Deportes durante dous anos, unha cantidade económica inasumible para a Deputación, os concellos e as entidades deportivas da provincia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario