A UDC organiza unha nova edición do Foro Avanza, punto de encontro entre estudantado e axentes do mercado laboral

por 21 Noticias

A vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña organiza un ano máis o Foro Avanza, que terá lugar durante os días 15, 16 e 17 de outubro na Facultade de Economía e Empresa da UDC e o Pavillón de Deportes do Campus de Elviña.

​Os días 15 e 16 de outubro levaranse a cabo na Facultade de Economía e Empresa diversas charlas, mesas redondas e obradoiros relacionados coa empregabilidade. A axenda de actividades dará inicio o martes, día 15 de outubro, ás 10:00 horas, coa benvida institucional por parte de María José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC. A continuación, ás 10:15 horas, a experta en formación e mentoría Nelly Rey, ofrecerá unha conferencia sobre as estratexias para a inserción laboral.

A continuación, terá lugar unha mesa redonda con persoas egresadas na UDC, que falarán sobre as súas experiencias persoais de incorporación ao mundo laboral. Para rematar a primeira xornada, Estefenía Mourelle, adxunta de Empregabilidade da UDC, informará aos asistentes sobre as posibilidades que lles ofrece a Unidade de Emprego da UDC.

Xa o segundo día, a xornada dará comezo ás 10:00 horas co relatorio impartido por Teresa Bernal, subdirectora xeral de Cambio Climático e Organización do Litoral da Xunta de Galicia, quen orientará ao alumnado sobre como acceder, progresar e realizarse profesionalmente na Administración Pública.

A continuación Covadonga López, conselleira da Rede EURES, do Servizo Público de Emprego de Galicia, ofrecerá información sobre as posibilidades de traballo en Europa. Continuando coas charlas institucionais, Belén Liste, subdirectora Xeral de Emprego e Relacións laborais da Xunta de Galicia,  dará a coñecer as axudas para emprender e as iniciativas de emprego de base tecnolóxica 8IEBT).

A xornada rematará coa presentación dos programas de emprendemento da UDC, por parte da Unidade de Emprego da institución.

Feira de Emprego

Xa o día 17 de outubro celebrarase, en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 horas, unha Feira de Emprego no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña. Coa fin de achegar o mundo profesional ao académico, a feira contará con stands de máis de corenta empresas, entidades e asociacións: Adecco, AECO-Asociación de Empresarios da Coruña, Aluman, Alumni UDC, Antea Group, Applus, ASCEGA-Asociación de Empresarios de Galicia, Axiña Servicios Deportivos, Carrefour, COGAMI, Concello da Coruña, CT Ingenieros, Deloitte, Dragados, Vías y Construcciones Tecsa Drace Geocisa, El Corte Inglés, Elecnor, Finsa, Garrigues, Grupo Eulen, Grupo Gabadi, Grupo Hotusa, Grupo Intaf, Grupo Tragsa, Hijo de Rivera, Ineco, Inycom, Leroy Merlín, Management Solutions Nauterra, Navantia, NH Hotel Group Part of Minor Hotels, Norvento Enerxía, NTT Data, Portocabo, PwC, Repsol, Secot Coruña, Siemens, UDC, Valoriza Servicios Ambientales e Zendal.

Durante a xornada haberá diversas actividades ofrecidas polas empresas e entidades participantes – presentacións corporativas, acceso a ofertas de emprego e prácticas, etc.- , que serán entre as 10:30 e as 13:05 horas. Así mesmo, a Feira contará con probas de selección en vivo con responsables de captación do talento universitario de Deloitte, Dragados, Vías y Construcciones, Tecsa, Drace, Geocisa e PwC. Ao final do día terá lugar un sorteo con agasallos achegados polas empresas colaboradoras, que á súa vez tamén realizarán sorteos nos seus stands.

Inscrición  e recoñecemento de créditos

A asistencia ao Foro Avanza dará lugar ao recoñecemento de 1 crédito ECTS para as titulacións de Grao, sempre e cando se cumpran dous requisitos: estar inscrito a través deste formulario de inscrición e asistir como mínimo ao 80% do Foro Avanza, tanto ás xornadas como á Feira de Emprego.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario