O voceiro do Partido Socialista de Noia, Francisco Pérez, así como o voceiro da Marea de Noia, Manolo Seijas, veñen de anunciar que teñen na súa posesión un dossier con documentación relativa a procedementos administrativos que, ao seu xuízo, presentan multitude de irregularidades. Tamén anunciaron que este dossier será posto en coñecemento da Fiscalía, co obxectivo de que se analicen e se poida abrir unha investigación formal.
Entre os casos máis destacados que figuran no dossier, destacan os seguintes:
- 1. Unha obra de sinalización da senda peonil da Pontenafonso, así como a mellora de sendas do litoral noiés. Esta obra tería sido fragmentada para sortear a licitación en aberto. A adxudicación da mesma recaeu nunha S.A. por importe de 40.000€, así como nun dos seus conselleiros delegados por importe doutros 40.000€, facendo en total 80.000€.
- 2. A obra da Praza de Abastos. A intervención municipal emitiu varios informes en contra de pagar tres certificacións de obra, ao non dispoñer de información dos prezos. A obra, que aínda non rematou, non cumpre cos prazos de entrega nin cos criterios da subvención percibida.
- 3. O equipamento Casa da Cultura. O equipamento subministrado é de menor calidade que o do prego técnico. Ademais disto, trataríase claramente dun caso de subministro, co cal debería ter sido licitado como tal, e non como adxudicación menor. Tamén se terían detectado irregularidades no pago.
- 4. A obra da Nave de Abruñeiras. Neste caso, non se terían realizado varias das unidades de obra que estaban no proxecto de licitación. Tamén alegan que se terían incumprido os prazos de entrega da obra, o cal sería especialmente grave ao constituír unha parte da puntuación para a súa adxudicación.
- 5. No caso da obra do albergue da Chaínza, teríase detectado o abono dunha factura sen a certificación do director de obra sobre acopio de material.
- 6. Referente ao contrato da piscina municipal, teríase detectado un caso de contratación menor recorrente por importe de máis de 90.000 euros ao ano sen licitación dende o ano 2017.
- 7. No caso do contrato xestión de residuos do “punto limpo”, teríase detectado outra contratación menor recorrente por importe de máis de 120.000 euros ao ano dende 2017.
- 8. No caso do contrato de mantemento da rede eléctrica municipal, estaríase a dar outro caso lode contratación menor recorrente por un importe próximo aos
100.000 euros ao ano sen licitación dende 2011 que se vén perpetuando no tempo.
- 9. No ano 2023, ano electoral, teríase alcanzado un compromiso de gasto superior aos 1.5 millóns sen contar co crédito suficiente.
- 10. Teríase realizado a montaxe dun carrusel na Alameda sen o pago da taxa administrativa por uso do solo público.
- 11. No contrato de xestión da EDAR, onde poderíamos estar ante un caso de fraude de lei segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa remitiu este caso á fiscalía.
Na maior parte destes casos, tería existido previamente o debido informe por parte de intervención municipal, quen tería posto de manifesto a existencia de todas estas irregularidades.
Dende as dúas formacións, trasladan que aínda continúan a estudar máis contratos que serían susceptibles de presentar irregularidades administrativas, e que unha vez analizados pasarían a engrosar o dossier inicial.
Ambos voceiros destacan que este tipo de xestións repletas de irregularidades terían sido unha constante dende que o equipo de Santiago Freire chegou a alcaldía, e entenden que non debe prolongarse esta situación polo enorme perxuízo que supón para o conxunto dos veciños e veciñas.
Ambos grupos municipais afirman contar xa cun gabinete xurídico que está revisando en profundidade, e un por un, a totalidade destes contratos.