71-66: A porcentaxe de tiro sentenza o Ineltrón Santo Domingo Betanzos

por 21 Noticias

Malia dominar o rebote, o % do tiro de 2 e do tiro libre deixaron escapar a vitoria en Culleredo Pese ao resultado final, talvez inxusto para un Santo Domingo que estivo ¾ partes do partido en condicións de sumar a primeira vitoria da temporada, o encontro que se puido presenciar na tardiña do sábado en Culleredo foi un derby digno de presenciar para o numeroso público de ambos os dous equipos que decidiu achegarse ao pavillón O Burgo. Boa asistencia, concordia entre xogadores e seareiros (agás no tramo final, no que a bancada local fixo enxordecer a expedición betanceira) e unha dinámica de encontro que se cadra merecía un final máis emocionante (o Culleredo soubo xestionar unha vantaxe de +9 a falta

de tres minutos).

Non se lle pode quitar nin unha coma ao resumo que facía Antonio Díaz “Doc” o adestrador dos betanceiros: “Empezamos ben o partido, xogando con certa fluidez en estático e correndo contraataque, pero sufrindo algo en rebote defensivo, o que permitiu segundas opcións ao rival, o que mantiña o choque igualado. Tivemos uns minutos de superioridade no segundo cuarto onde a falta de acerto impediu abrir un parcial meirande ao descanso. No terceiro cuarto, un parcial de 10-0 condicionou o resto do partido, xa que nos obrigou a xogar a remolque e aí se cadra non tomamos as mellores decisións en ataque”.

A vantaxe no descanso da que falaba Doc (31-36), que ben puido ser maior por malos pases e malas decisións cando o Santo era netamente superior ao rival, viuse conxurada por un Culleredo, sen brillo pero con oficio, que soubo penalizar calquera erro dos betanceiros, para chegar ao treito final do partido cunha vantaxe, nunca superior aos once puntos (a máxima a falta de 1:24, tras varias perdas do Santo) pero suficiente como para levar a vitoria sen apuros finais.

Pola parte do Santo, no haber, Abelleira, como decote, e un Brezo que se foi aos 22 puntos e que se cadra se reservou de máis no banco coas faltas; no debe, un paupérrimo 16/46 en tiros de dous e un 12/23 en tiros libres, porcentaxes impropios da categoría. Polo Culleredo uns seareiros que no último cuarto enxordeceron a pista cos bombos e os chifres, colapsando o ataque rival, e o estreo en liga dun vello coñecido do Santo, o betanceiro Toni Seijo, que volve ás pistas nove anos despois.

Vitoria das sénior feminino na prórroga

Con resultados desiguais na canteira, polo que toca aos sénior, o resultado do Santo queda no +2. As Grelo Santo Domingo feminino de segunda división gañaron en Teo ao Pulpiño, logo de forzar e gañar a prórroga, e La Goleta, o sénior de Terceira, deu boa conta do Oleiros por 86-63, con bos números de Grela, Will e Sergio Gómez. No reverso da moeda,os rapaces de Segunda, que non tiveron nada que facer fronte ao Arteixo: 110-44.

A semana que vén -porque isto é baloncesto- máis!

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario