A nova tempada de pesca fluvial en Galicia comezará o vindeiro 16 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo

por Redacción Galicia

A Xunta convoca ao Consello Galego de Pesca Continental para fixar de forma consensuada co sector as condicións para o exercicio da actividade o próximo ano.

A tempada de pesca continental en Galicia para o ano 2025 comezará o vindeiro 16 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así foi acordado esta mañá durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e que contou coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.

Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e que regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 16 de marzo de 2025 prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente, o 1 de maio.

Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade de sen morte.

No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. A cota de captura desta especie no río Mandeo (A Coruña) establécese en 2 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), será de 5 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 2 salmóns.

Na caso da provincia de Pontevedra estableceuse unha cota de 7 exemplares para o río Ulla, cunha redución dun 50%, mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser de 1 salmón por pescador e día, e mantense a autorización dos engados permitidos.

Polo que respecta ao reo, o período xeral se estenderá ao igual que este ano do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

Na reunión do Consello Galego de Pesca Continental tamén se abordaron distintas propostas trasladadas previamente polos catro consellos provinciais.

Por último, informouse dos principais resultados do Plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, tras constatar a incidencia que esta especie está a ocasionar sobre as poboacións piscícolas, especialmente no caso dos salmónidos. O obxectivo é minimizar a súa presión depredadora sobre os peixes e garantir que as medidas que se adopten non incidan negativamente na conservación desta ave.

O plan de manexo desenvolveuse en 11 coutos das 4 provincias galegas, realizándose un total de 36 percorridos de censado e tras os resultados acadados, aplicáronse as medidas para os distintos niveis de manexo establecidos no plan e avaliáronse os resultados das mesmas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario