A ría de Corcubión será rexenarada con 84.000 unidades de semente de ameixa xaponesa

por Redacción Galicia

Este lote, que foi criado no CIMA de Ribadeo, permite impulsar o sector como elemento clave na economía azul, aumentando a súa produtividade e  xerando emprego.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e do director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Carlos Gabín, participou este martes na liberación de 84.000 unidades de ameixa xaponesa para semente en Corcubión. Este lote que foi criado nas instalacións que esta entidade ten Ribadeo e foi entregado hoxe ás mariscadoras da confraría coruñesa, é o resultado das experiencias de investigación realizadas con este bivalvo, desde o cultivo larvario ata a preengorda no centro ribadense.

Os bivalvos teñen un tamaño medio de 14,71 milímetros e equivalen a 37 quilos de semente. Os traballos previstos desenvólvense en dúas xornadas. A de hoxe, na que se realiza a sementeira desde a embarcación nunha área submareal e, mañá, na que se procederá á repartir 24.000 unidades nunha zona diferente. A asistencia técnica da confraría realizará o seguimento e evolución do proceso reportando datos e rexistros ao CIMA, desde onde completarán a información necesaria para cumprir os obxectivos das súas investigacións. Este modelo de cooperación permite avanzar na recuperación de áreas de produción, ademais de poder coñecer a adaptación e supervivencia deste lotes no medio natural.

Os apoios baixo os que se realizan estas tarefas son, por unha banda, os destinados a proxectos colectivos para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sostibles, co-financiados polo Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa). Por outra parte, tamén apoian labores deste tipo as achegas dirixidas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perdas de produción, financiadas integramente con fondos propios da comunidade autónoma.

Trátase, por tanto, dunha iniciativa que, segundo relatou o conselleiro, está destinada a conservar o recurso, a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños, así como a evitar a perda de zonas naturais. Ao mesmo tempo, estes apoios contribúen ao desenvolvemento de proxectos para fomentar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia e unha perspectiva ambiental e socialmente responsable. Búscase, en definitiva, apuntou Villares, impulsar a produtividade dos bancos e o emprego no sector.

Máis entregas 

A Consellería do Mar entregou desde o 2023 2.686.715 unidades de semente de ameixa: 1.460.100 de ameixa xaponesa, 1.184.015 de ameixa babosa e 42.600 unidades de ameixa fina. Ademais, no criadeiro téñense arredor de 2 millóns de unidades adicionais que se prevé que proximamente alcancen o tamaño para o seu traslado ao medio natural. Unha parte xa foi traslada ao minicriadeiro de O Vicedo, dependente do CIMA, cunha talla de 5mm para o seu preengorde.

Outras especies

O Centro de Investigación está a traballar tamén no proceso de selección de estirpes de berberecho adaptadas ás condicións de salinidade extrema. Para levar a cabo este estudo, conta cunha acción de investigación REDEMAR, na que, xunto co persoal investigador do Campus de Lugo, someterán os bivalvos a condicións extremas na procura de atopar individuos que sobrevivan a estas situacións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario