Dous roteiros fluviais e un curso de formación, novas actividades do Proxecto Ríos e ADEGA na provincia de Pontevedra

por 21 Noticias

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza organiza varias actividades de voluntariado ambiental ao longo de outubro na provincia de Pontevedra, no marco do Proxecto Ríos. A primeira delas terá lugar este sábado, 19 de outubro, na Casa do Pobo de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade), e tratarase dunha nova edición do curso de formación do Proxecto Ríos para persoas que desexen iniciarse como voluntarias en inspeccións de ríos. 

O curso desenvolverase en horario de mañá de 10:30 a 14:00 horas, onde se sairá ao río para a recollida de macroinvertebrados e se identificarán posteriormente coa axuda de Yasmina Barciela, entomóloga e investigadora do grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo. Ao longo da xornada tamén se tratarán aspectos relacionados coa custodia do territorio, e nas primeiras horas da tarde farase unha visita ao Couto da Eirexinha da man das persoas integrantes do proxecto de custodia. Ao mediodía organizarase un xantar popular de convivio (cada persoa deberá traer o seu xantar ou para compartir). Para inscribirse é necesario cubir o seguinte formulario: https://forms.gle/rhyWGUCXM3vyv8dAA

Roteirríos polo río Lérez e a Serra do Suído

Un día despois do curso de formación, o domingo, 20 de outubro, ADEGA realizará unha andaina pola senda do río Lérez. Tratarase dun paseo sinxelo no que aprender a observar a natureza, descubrir a flora de ribeira e as curiosidades da fauna, e coñecer os proxectos de eliminación de flora exótica invasora que se desenvolven na contorna. O roteiro será en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas, en aberto a todo o público que queira iniciarse ou afondar no coñecemento da natureza. As prazas están limitadas a 20 e é preciso inscribirse a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/qbs6ApmqDGwnUw5Q7

A finais de mes, para o día domingo, 27 de outubro, a asociación ecoloxista, tamén no marco do Proxecto Ríos, artella un roteiro polo interior da provincia de Pontevedra, na Serra do Suído. Unha actividade lúdica e dirixida a todos os públicos co obxectivo de achegarse aos ecosistemas fluviais e á importancia da conservación das serras, xa que estas son, en moitos casos, o nacemento dos ríos. O roteiro desenvolverase polos ríos Val do Home e Xesta, estará guiado polo guía de montaña Julio Eiroa e durará de 10:00 a 17:00 horas. Camiñarase unha distancia de aproximadamente 15 km, cun desnivel de +450 metros, percorrido circular e dificultade media. 

As prazas son limitadas a 25 persoas, e cómpre inscribirse no teléfono 654 500 652 (Julio Eiroa). 

Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é unha iniciativa da organización ecoloxista ADEGA cos propósitos de divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e achegar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos, así como de converterse nun referente nos programas de educación e voluntariado ambiental. Estas actividades están financiada por Augas de Galicia.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario