O Paneuropeo é a principal competición de clubs de Europa, da que xa se proclamaran campioas no ano 2019
O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, vai participar no Torneo Paneuropeo de fútbol gaélico que se celebrará en Lyon (Francia) este sábado 19 de outubro.
O Torneo Paneuropeo é o campionato de clubs de fútbol gaélico máis importante a nivel europeo, e este ano celebra a súa vixésimo segunda edición. Os equipos divídense en diferentes categorías en función da súa posición nun ranking europeo, e compiten por diferentes trofeos.
No caso de Fillas de Breogán, esta será a súa sexta participación nun Paneuropeo tralas edicións celebradas na Estrada (2015), Maastricht (2017), Viena (2019), A Coruña (2022) e A Haia (2023). Nos últimos anos Fillas de Breogán competiron na categoría Intermediate, alzándose co trofeo no ano 2019 en Viena, aínda que tamén cómpre subliñar o subcampionato sénior do ano 2017.
A Coruña foi sede do XX Torneo Paneuropeo en 2022. Esta competición trouxo á cidade uns 500 deportistas de toda Europa divididos en 13 equipos femininos e 20 masculinos.