Medio Rural concederá axudas a viveiros e agricultores afectados por pragas de corentena

por Redacción Galicia

Os beneficiarios serán agricultores e viveiros afectados pola couza guatemalteca da pataca, o Fusarium circinatum do piñeiro e a flavescencia dourada da vide

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde na que se recollen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións en materia de sanidade vexetal aos viveiros ou explotacións agrícolas afectadas por algún dos organismos de corentena establecidos nesta convocatoria, concedidas pola Consellería do Medio Rural cun orzamento de 40.000 euros iniciais.

Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas e entidades sen personalidade xurídica, cuxos vexetais ou produtos vexetais fosen afectados por medidas fitosanitarias adoptadas en virtude da declaración da presenza dunha praga de corentena pola autoridade competente. Os organismos polos que se poderá solicitar unha indemnización son a couza guatemalteca da pataca, o Fusarium circinatum do piñeiro e a flavescencia dourada da vide.

No caso de produtores de plantas de viveiro, estes deberán estar inscritos nos correspondentes rexistros oficiais, non sendo posible o outorgamento de indemnización se no momento da inspección inicial o viveiro non cumprise este trámite.

As achegas destinaranse para o financiamento de procesos de destrución, desinfección, esterilización ou tratamento aplicado a vexetais contaminados, a substratos de cultivo e terreos recoñecidos como contaminados, ou a materias de produción, acondicionamento, embalaxe ou almacenamento, así como a medios de transporte que estivesen en contacto con ditos vexetais.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, o prazo para solicitalas será dun mes a partir do día seguinte á súa publicación no DOG.

Enlace á publicación do DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241015/AnuncioG0426-071024-0006_gl.html.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario