As xogadoras do primeiro equipo visitaron hoxe este colexio e o Luis Pimentel, que inaugurarán a competición lúdica entre escolares no partido do día 26 no Pazo dos Deportes.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no CEIP As Mercedes no arranque do Ensino School Prix, que organiza o Club Ensino de baloncesto feminino para impulsar entre os menores a práctica deportiva e a igualdade.
A actividade, na que colabora o Goberno galego, implica a centros escolares de Educación Primaria da provincia nunha competición lúdica que se desenvolverá en paralelo aos partidos da Liga Endesa que o Ensino dispute como local no Pazo dos Deportes.
Os colexios As Mercedes e Luis Pimentel, de Lugo, abrirán o programa no encontro que disputarán o Durán Maquinaria Ensino e Cadi La Seu o vindeiro día 26 ás 19.15 horas. Na pausa entre cuartos disporán dun minuto para realizar unha coreografía de baile, palmas ou cánticos; tamén se valorarán aspectos como a vestimenta, pancartas, o colorido que dean á grada ou o grupo máis numeroso, e no descanso enfrontaranse sobre a pista de xogo para amosar as súas habilidades de bote de balón e tiro a canastra. O gañador pasará á seguinte rolda, na que se medirá a outros centros ata ter un campión definitivo
Previamente, as xogadoras do primeiro equipo imparten unha charla ao alumnado para compartir as súas experiencias, expoñendo a realidade do deporte feminino de elite e a desigualdade entre xéneros que aínda a día de hoxe existe no deporte.
Así, hoxe desprazáronse ao CEIP das Mercedes as súas “madriñas”: Elba Garfella, Claudia Soriano, María Bettencourt, Bea Sánchez e Lydia Giomi; e tamén o Luis Pimentel recibiu ás súas, neste caso a Esther Castedo, Ceci Muhate, Rachel Howard, Jessica Féquière e Alexy Mollenhauer.
O club Ensino invita a todos os centros de Primaria da provincia a esta actividade para fomentar a afección polo baloncesto, abrindo as portas do Pazo de forma gratuíta aos participantes e creando un ambiente festivo para arroupar ao equipo lucense.