Luís Bará pide revisar a ‘compensación extra’ que a Xunta dá ás empresasdende 2014 para que xs galegxs non teñan así que pagar de máis polo rescate das autovías de Santiago-Brión, Barbanza, O Salnés e Celanova.
O portavoz de infraestruturas do BNG, Luís Bará, reclamou á Xunta en mans do PP que inicie os trámites para rescatar tamén as autovías galegas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor) e rematar así coa “escandalosa discriminación” que sofren as comarcas que comunican estas vías de peaxe.
Unha discriminación, advertiu Bará, que se fai agora aínda máis evidente tras o anuncio do Executivo de Rueda de rescatar a concesión das autovías do Salnés, do Barbanza, Celanova e Santiago-Brión, todas elas con peaxe na sombra. É por iso que o Bloque presentará iniciativas no Parlamento e tamén nos concellos afectados para que a Xunta contemple, xa de cara aos orzamentos do próximo ano, facerse tamén coa concesión da AG-55 e da AG-57.
“O anuncio do rescate das catro autovías incrementa aínda máis o agravio para as comarcas polas que discorren a AG-55 e a AG57, que son das máis habitadas e das máis dinámicas de Galiza”, apuntou Bará, subliñando a carga que as peaxes supoñen para as economías familiares a para as empresas das áreas metropolitanas da Coruña e Vigo.
O portavoz de Infraestruturas anunciou tamén iniciativas do Bloque para reclamar á Xunta que antes de pechar o acordo coas concesionarias para o rescate das autovías Santiago-Brión, Barbanza, Salnés e Celanova revise os acordos polos que, utilizando a Lei de Acompañamento dos Orzamentos, decidiu no 2014 elevar as tarifas pagadas pola peaxe na sombra co pretexto de que as empresas non fosen á quebra. Foi unha “compensación extra”, precisou, pola que as empresas adxudicatarias das autovías recibiron 204 millóns de euros.
Bará lembrou que o Consello de Contas xa recomendou no seu informe de outubro de 2023 a renegociación daquel incremento de tarifas, advertindo que iso suporía para as arcas públicas un aforro “como mínimo” 44 millóns de euros. Segundo o informe de Contas, “se en vez de incrementar as bonificacións ás concesionarias nese momento se tivese rescatado a concesión (só das autovías de Salnés, O Barbanza e Celanova)habería un aforro de 305 millóns de euros, o de 57,9 se o rescate fose en 2023”, explicou.
O deputado nacionalista cuestionou, por outra banda, as cifras facilitadas polo Executivo de Rueda sobre o que vai custar o rescate das catro autovías e anunciou que o BNG xa ten solicitado, pola vía do artigo 9 do Regulamento da Cámara, toda a “documentación, informes e estudos”, tanto desde o punto de vista económico como xurídico sobre a operación.
As débedas pendentes de Feijóo
A espera dunha información máis detallada sobre como vai ser o rescate, o deputado nacionalista considerou que o anuncio do Executivo de Rueda sobre estas autovías supón unha “emenda en toda regra” ao sistema de colaboración público-privada que tivo como “principal promotor” ao ex presidente da Xunta e hoxe líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, xa sendo conselleiro de Obras Públicas.
“É un sistema que foi moi gravoso e moi custoso para as arcas públicas, que detraeu centos de millóns para outros investimentos”, subliñou Bará, aludindo a que esta foi tamén a vía escollida, sendo Feijóo xefe do Executivo galego, para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que segundo os informes do Consello de Contas tivo un sobrecusto de 470 millóns de euros. “Esa cantidade podería terse destinado a mellorar a sanidade pública”, engadiu, emprazando ao Goberno de Rueda a recoñecer o erro que supuxo o sistema de contratación público-privada.
Lembrou, neste sentido, que segundo a información publicada po Praza Pública a Xunta aínda ten unha débeda de 1.220 millóns por dous contratos de colaboración público-privada “moi custosos” e que foron asinados con Feijóo na presidencia da Xunta, como son o do Hospital Álvaro Cunqueiro e o da Costa da Morte.