¿Chegarán a acordos as institucións para arranxar o problema do Pazo dos Deportes onde xoga o CB Breogán?

por Andrés S. Queiruga

O Consello de Administración do CB Breogán presidido por Carmen Lence e as institucións de Lugo, reuníronse o luns para buscar unha saída á difícil situación do Pazo dos Deportes, tendo en conta que a instalación é de titularidade da Deputación Provincial e trala falta de xestión, a presidenta Carmen Lence, tivo que convocar á xuntanza á Xunta de Galicia, a través de Javier Arias, Delegado da Xunta en Lugo e que se presenta coma un dos piares para poder arranxar a situación. 

A Deputación non foi capaz de liderar a situación da súa instalación, ata a entrada de actores doutras administracións. Algo un tanto insólito, xa que non é habitual que outras institucións teñan que arranxar a falta de xestión do binomio Tomé – Efrén. 

Nun primeiro orde das cousas, acordouse manter os arranxos urxentes, que son dunha imperiosa necesidade para que o Clube poida ter garantías para xogar os seus encontros no Pazo dos Deportes. Vaise solicitar un estudio para ver as necesidades técnicas e estruturais de cara á modernización do Pazo.  Trala resolución da situación, en función da viabilidade de realizar eses arranxos ou non, no caso de que sexa positivo, abordaranse as necesidades económicas e no caso de que sexa negativo, teranse en conta as posibilidades para desenvolver unha nova instalación. 

Varios puntos pendentes sobre a mesa, terán que resolver outras administracións o que a Deputación non é capaz de facer? Cal será o papel da Xunta nese escenario?  Son moitas as inquedanzas por parte dos afeccionados, aínda que tendo como punto de partida o inicio do diálogo. 

O desleixo que ten a Deputación coa xestión do Pazo, non é comprensible a nivel deportivo, xa que o deterioro provén de anos de abandono, sen arranxos e sen afrontar as situacións como procedía no seu momento. É necesario un novo Pazo multiusos adecuado ás necesidades do Club máis emblemático da Cidade do Sacramento, con espazos de lecer que proporcione beneficios ás arcas do CB Breogán. Os políticos con poder de decisión en Lugo, póñense de perfil cando xorden os problemas, míranse o embigo como Narciso na charca grega.

Non fai moitas datas, a toque de fanfarrias o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro proporcionaba aos medios de comunicación, coma se fose unha vedete, fotografías anunciando a colocación de luminarias no “Pazo” para mellor gloria do personaxe. Falando de luces, non pasaron de ser «luminarias» que se acenden nas azoteas os días de festa. Aos políticos hai que xulgalos, non só polo que fan, senón polo que esconden.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario