Os socialistas critican a «absoluta falta de coherencia do PP», que se nega a bonificar as autoestradas da Xunta mentres esixe o rescate da AP-9

por 21 Noticias

A deputada socialista Obdulia Taboadela criticou hoxe no Congreso a “absoluta falta de coherencia do Partido Popular” no que se refire ás peaxes das autoestradas. A parlamentaria do PSdeG sinalou, durante o debate dunha iniciativa do Grupo Mixto, que os diarios de sesións tanto da Cámara galega coma do Congreso “dan testemuño das votacións do PP en contra da transferencia da AP-9, en contra das bonificacións, en contra das sancións a Audasa cando incumpriu as condicións da concesión e en contra das rebaixas das portaxes”, mentres a Xunta mantén as peaxes nas dúas autoestradas de titularidade autonómica (AG-55 e AG-57) sen apenas descontos.

Taboadela denunciou desde a tribuna que o PP “pide na oposición o que non concede cando goberna porque non pensa na cidadanía”, o que cualificou de “falta de responsabilidade e seriedade”. Fronte ao xeito de actuar dos populares, valorou que as medidas do Goberno para rebaixar o prezo da autoestrada do Atlántico “melloran a vida dos galegos e as galegas”.

“O Goberno do PP utilizou a infraestrutura, primeiro privatizándoa e despois ampliando a concesión co único fin de favorecer á concesionaria”, denunciou a deputada socialista. Lembrou que a Comisión Europea tomou cartas no asunto e agora está a avaliar a legalidade desa prórroga, algo que tamén lle recordou ao BNG, porque “non ten sentido pedir a anulación da prórroga e a continuación solicitar a realización dun estudio sobre as consecuencias desa anulación”, tal como reclamaban hoxe os nacionalistas.

Obdulia Taboadela subliñou a conveniencia de agardar á decisión final de Bruxelas sobre a ilegalidade da prórroga da concesión, pero destacou que o que concernía ao Goberno “era actuar sobre as peaxes” para abaratar os custes aos usuarios, algo que se fixo “como nunca antes”. Así, dende o 2018, “as galegas e os galegos aforramos máis de 100 millóns de euros”, afirmou.

Apuntou tamén que nin a titularidade nin a xestión directa garanten por si mesmas nin a gratuidade nin as bonificacións, xa que “son as políticas do Goberno” as que rebaixan o importe das portaxes, e o PP “non bonificou as peaxes da AP-9”.

A parlamentaria socialista citou a Feijóo para poñer de manifesto as contradicións dos populares, xa que no 2016 o líder do PP cualificaba de “extremadamente difícil” levantar as peaxes das autoestradas e dicía que a transferencia “non ía ser sinxela”. “Os galegos e as galegas pagamos peaxes por culpa do PP, pero pagamos menos grazas ao PSOE”, concluíu.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario