O FDXCC consegue paralizar cautelarmente nos tribunais outro proxecto eólico na montaña de Lugo

por Redacción Galicia

Un Auto do TSXG do pasado mes de setembro paraliza cautelarmente o polígono eólico Serra de Liñares, nos concellos lucenses da Fonsagrada e Negueira de Muñiz.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspende cautelarmente a autorización do proxecto eólico Serra de LIñares, promovido por AV Serra de Liñares S.L.U nos concellos lucenses da alta montaña da Fonsagrada e Negueira de Muñiz, e autorizado pola Xunta de Galicia, en marzo de 2023. Este proxecto estaba declarado pola Xunta desde 2021 como «iniciativa empresarial prioritaria» e acadara unha asignación de 48 MW de potencia no concurso eólico de 2010. O proxecto autorizado deriva dunha modificación substancial do orixinal presentada pola promotora en 2019, logo de detectárense varias eivas de relevancia no proxecto primitivo.

Este proxecto eólico de 16 aeroxeradores de 3MW e 150 metros de altura cada un prevese instalar nunha zona da alta montaña da provincia de Lugo onde conviven elementos ambientais «altamente sensibles», como indica o TSXG, ben por estaren catalogados ben por se trataren directamente de especies con distinto grao de protección ou en perigo. Refírese de forma especial ao oso pardo, especie en perigo de extinción cuxa presenza se constata polas demandantes nas inmediacións do terreo ocupado pola poligonal eólica, así como ao lobo ibérico. Segundo o alto tribunal galego, a Xunta non conseguiu desacreditar a existencia de lobo na zona na que se vai executar o proxecto, polo que «recoñece implicitamente» que si está asentado no lugar e que, ademais, non realizou ningún estudo previo á instalación industrial eólica sobre os lugares de encame ou encontro da especie. Así pois, considera o TSXG que a afectación ambiental das obras do parque eólico Serra de Liñares poderían supor dano irreparable ou de difícil reparación dos valores ambientais que neste caso se atopan comprometidos.

A maiores, na zona onde se proxecta o polígono industrial, o Ministerio de Transición Ecolóxica desaconsella a instalación pola presenza de especies vulnerables ou en perigo de extinción, polo que neste caso se debe de aplicar o principio de cautela e paralizar cautelarmente as obras do parque eólico.

Malia que o proxecto conta con declaración de impacto ambiental favorable con medidas correctoras dos danos ambientais, per se, isto non implica que non se vaian a producir danos, unha vez que tanto ADEGA como PDCC conseguen acreditar indicios da existencia de elementos sensibles do ecosistema que se van ver afectados de forma relevante. No auto de paralización do TSXG tamén se chama a atención sobre a contaminación acústica que podería ser significativa tanto para as persoas como para o benestar dos animais.

FDXCC: 4 paralizacións e 2 proxectos anulados en Galiza

Con este xa son catro os proxectos eólicos autorizados pola Xunta cuxas obras se suspenden de forma cautelar a instancias do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica. Esta iniciativa foi pioneira na recadación solidaria para a loita xudicial contra a invasión eóilca impulsada en 2021 por diversos colectivos e plataformas da Cordilleira Cantábrica: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma para la Defensa de la Cordilleira Cantábrica, Plataforma Bierzo Aire Limpio, Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos, Mesa eólica Merindades de Burgos e Sociedade Galega de Ornitoloxía. Foi tamén a través deste fondo e da acción xudicial de ADEGA e a PDCC, que se conseguiron anular as autorizacións dos parques eólicos Campelo e Bustelo, promovidos por Greenalia nos concellos de Coristanco, Carballo e Santa Comba, constituíndose ambos en faros de referencia para centos de recursos xudiciais que hoxe están en curso fronte a depredación eólica de Galiza.

Este novo auto xudicial conseguido por ADEGA e a PDCC deixa temporalmente sen efecto a resolución do acto administrativo da Dirección Xeral de Planificación Enerxética do 21 de decembro de 2022 polo que autoriza o Parque eólico Serra de LIñares, non podendo executarse as súas obras, cando menos, mentres non haxa sentenza relativa ao recurso contecioso-administrativo interposto por ambas entidades. Esta nova supón tamén un alivio para a veciñanza de A Fonsagrada e Negueira de Muñiz constituída na plataforma «A Montaña plántase» en representación da poboación local afectada.

As entidades que conforman o FDXCC manifestan unha profunda satisfación que agardan se converta en definitiva cando se dite sentenza e trasladan o seu máis profundo agradecemento a todas aquelas persoas e colectivos que contribuíron coas súas achegas económicas, técnicas e morais a defender os ecosistemas e as xentes de montaña e aquelas especies máis emblemáticas do patrimonio natural da Cordilleira Cantábrica

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario