Inés Rey destaca a capacidade do programa Axente Titor para detectar e corrixir condutas impropias na mocidade 

por Redacción A Coruña

A alcaldesa participou na xornada organizada polo Concello e a Policía Local, que contou con persoas vinculadas ao servizo de todo o país

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na xornada ‘Axente Titor e a protección do menor’, organizada polo Concello. A rexedora interviu no acto inaugural deste evento que coincide co décimo aniversario da implantación deste servizo a nivel municipal. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.

«Neste décimo aniversario do programa Axente Titor podemos celebrar, ademais, o éxito que desperta esta iniciativa máis alá da Coruña, pois o pasado ano cinco membros deste servizo recibiron a Cruz ao Mérito Policial por ser referentes a nivel galego nesta iniciativa», celebrou a alcaldesa durante a súa intervención. No acto tamén participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a directora xeral de Igualdade e Políticas Locais da Federación Española de Municipios e Provincias, Cristina Montalvá. 

Inés Rey destacou a capacidade que ten este programa para evitar na mocidade todo tipo de condutas impropias e inadecuadas grazas ao asesoramento e seguimento dos e das axentes do servizo, así como a colaboración dos e das traballadoras da área de Servizos Sociais municipais e do persoal de Educación. «Moitas veces identificamos erroneamente á policía como un axente sancionador, pero caso a función dos e das axentes é previr diferentes actitudes conflitivas na mocidade, sobre todo dentro do entorno escolar», dixo a alcaldesa.

Durante a xornada participaron profesionais de diferentes ámbitos e administracións do conxunto do país, que puxeron de relevancia os principais retos deste programa estatal que teñen que afrontar os municipios e tamén os progresos levados a cabo desde a súa implantación.

Mesa redonda «Axente Titor e a Violencia filio/parental. Situacións de risco, o desamparo dos menores», con Nereida Canosa

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, tomou a palabra na mesa redonda «Axente Titor e a Violencia filio/parental. Situacións de risco, o desamparo dos menores» e destacou a importancia da colaboración entre a Policía Local e os Servizos Sociais do Concello da Coruña para facer fronte ás situacións de vulnerabilidade social, especialmente entre a poboación menor. «A colaboración co equipo de Axente Titor é esencial para identificar casos que doutro xeito poderían pasar desapercibidos», explicou Canosa.

Os casos máis frecuentes inclúen problemas de absentismo escolar, situacións de violencia no ámbito familiar, tentativas de suicidio e consumo de substancias. Ademais, subliñou a crecente preocupación pola saúde mental dos mozos, unha problemática que se agravou tras a pandemia.  

Desde 2021, e como resposta ao aumento das dificultades sociais tras a pandemia, intensificouse a coordinación entre ambas áreas, o que permitiu mellorar a detección de casos de risco. «Así o demostran os datos do último ano, nos que o equipo de Axente Titor comunicou aos Servizos Sociais un total de 126 actuacións, das cales case o 50% correspondían a familias que previamente non foran usuarias dos servizos sociais» concretou a concelleira.

Para facer fronte a esta realidade, o Concello da Coruña puxo en marcha novas liñas de coordinación con outras institucións, como os centros escolares, a Fiscalía de Menores e o Servizo de Menores da Xunta de Galicia, así como un Programa Municipal de Intervención Familiar destinado a abordar estas complexas situacións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario