Javier Arias: «Ante a inoperancia do goberno local, a Xunta solicitará autorización para solucionar os problemas de drenaxe de auga no barrio de Casás»

por 21 Noticias

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, confirmou hoxe que o Goberno galego solicitará ao Concello de Lugo a autorización para realizar as obras que den solución aos problemas de drenaxe de auga que se rexistran na contorna do aparcadoiro disuasorio da avenida Breogán, no barrio de Casás. Ante a inoperancia do goberno local, o Goberno galego avoga por asumir eses traballos, malia ser un problema municipal que existía con anterioridade á obra do aparcadoiro e que está ademais fóra da zona na que se actuou.

«Trátase dun problema municipal pero, unha vez máis, ante o deixamento do Concello, que en lugar de buscar solucións se dedica a botar as culpas á Xunta, decidimos solicitar a autorización para asumir esas obras e poñer fin a unha situación que está causando evidentes molestias aos veciñas e veciñas do barrio, que se agravan nestes días de choiva», explicou Arias.

O delegado destaca que se trata dunha obra menor, de pouco importe, polo que lamenta que o Concello non asuma esa actuación, atendendo ademais á súa competencia, cando a Xunta vén de investir preto de 1,2 millóns de euros á construción do novo aparcadoiro disuasorio, con 148 prazas.

Na contorna do párking, hai un regato e varias fontes de auga que discorren polos terreos ata chegar á rúa Monte Pena Rubia, cruzándoa por riba pola falta de calquera tipoloxía de obra de drenaxe. A situación preexistente fíxose máis evidente desde a construción do aparcadoiro, xa que antes parte da auga filtrábase aos terreos e, coa nova infraestrutura, a superficie deixou de ser permeable.

A Xunta remitía -en decembro de 2023- un informe técnico ao Concello, alertando da situación e das afeccións que esa ausencia de drenaxe podía orixinar tanto no firme da rúa Monte Pena Rubia como no noiro da mesma.

«Hai case un ano que o Concello recibiu ese informe e a día de hoxe nin nos deu resposta nin levou a cabo actuación algunha para emendar a situación», dixo o delegado, «O goberno local segue na súa liña de esquivar responsabilidades e achacar á Xunta os problemas derivados da súa falta de xestión».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario