José Tomé: “As institucións temos a obriga de apoiar a investigación contra o cancro de mama

por 21 Noticias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado en Lugo na ofrenda floral que a Asociación Española contra o Cancro de Mama (AECC) organizou na Mosquera con motivo do Día Mundial contra esta doenza. “As institucións temos a obriga de apoiar iniciativas que garantan o acceso a tratamentos de calidade, a investigación e recursos para todas as persoas afectadas”, sinalou o mandatario provincial durante a súa intervención.

Xunto ao Presidente, participaron neste acto a presidenta do colectivo lucense, María Luz Abella; a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; entre outras autoridades.

“O cancro de mama é moito máis que unha enfermidade”, sinalou Tomé Roca. “É unha batalla cotiá que afecta non só a quen a padece, senón tamén ás súas familias, amigos e seres queridos. Desde aquí quero enviarlles unha mensaxe de apoio e solidariedade a todas as persoas que están nesta loita. Vós sodes o verdadeiro exemplo de forza”, valorou. Destacou tamén a importancia da prevención e da detección precoz e apelou á unión como sociedade contra esta doenza.

Baixo o lema O rosa é só rosa. Pero contigo é apoio e investigación, a AECC Lugo instalou como en anos anteriores- nove puntos para repartir plantas a cambio dun donativo de catro euros por todo o centro histórico da cidade.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario