O pavillón betanceiro ateigouse para dar a súa merecida homenaxe a “Tocayo”
Inescusable cita no Carregal por dobre motivo: estrea na casa do Santo Domingo Betanzos na Tercera FEB 24/25 e merecida homenaxe ao seu presidente, José María Valeiro Iglesias, Tocayo, falecido este verán. O mellor da tarde, o segundo. E sen dúbida ningunha. Recoñecemento da Federación, do Concello, da Xunta de Galicia e, sobre todo, dunha familia, a do Santo, que non dubidou en acudir ao pavillón municipal, en breve, por proposta do goberno local, Pavillón José María Valeiro “Tocayo”, para render o seu tributo a quen tanto deu polo baloncesto.
O partido, un partido a rachas, irregular, cun Santo que non foi quen de sacar tallada dun rival que ben podía volver a Porriño con vinte ou vinte e cinco puntos de desvantaxe. Porque a superioridade foi total do equipo de Doc fronte a un Porriño con bastantes limitacións en ataque e que viña de perder por máis de 50 puntos contra Círculo Gijón. Ao final as desconexións -demasiado habituais xa no equipo- e unhas porcentaxes de tiro que deben mellorarse (21/41 en tiros de 2, 8/30 en triplas e 11/24 en tiros libres) fixeron que se desperdiciase unha renda de +19 para ver como o PBB lograba poñerse a 2 puntos (aínda que nunca deu a sensación de poder levar o partido). Reacción final dos betanceiros para poñerse 14 arriba e nova desconexión no minuto final nunha liga na que o average cotiza a peso de ouro. Vitoria na fin de contas, con tripla sobre a bucina do rival, e un 77-68 que, aínda sabendo a pouco, cumpriu os obxectivos mínimos do club, tal e como valoraba Doc ao remate: “En principio o partido saíu tal e como o proxectamos. Estivemos moi serios en defensa e se cadra puidemos sacar máis diferenza de non ser pola desconexión ao inicio d último cuarto e as perdas do final.
No lado positivo, o bo partido de Sanjurjo (21 puntos e 5 rebotes) e de Dani Martín (16 puntos), a boa defensa, tal e como subliña o adestrador, e as ganas que nos momentos clave, puxo todo o equipo.
Próxima parada, Salamanca.