As continuas chuvias deste outono non están a permitir ensilar o millo nas principais zonas leiteiras de Galicia nin apañar as patacas na Limia
Os efectos do temporarl Kirk e as continuas borrascas que están a deixar choiva en Galicia neste outuno están a causar «perdas importantes» nas principais producións que se recollen nesta época do ano, como o millo ou a pataca.
A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla está a manter contactos con outros colectivos afectados de cara a presentar unha iniciativa conxunta diante da Xunta de Galicia na que se pide a declaración de zona catastrófica das áreas onde se concentran máis danos de cara a poder acceder a axudas que palíen as perdas.
No caso das granxas de leite, unha hectárea de millo que non se poida apañar equivale a uns 4.000 euros, tendo en conta os gastos de abonado, sementeira e tratamentos (uns 1.500 €), máis o desenvolso que terán que facer as explotacións para encher os seus silos para alimentar ao gando durante o inverno (uns 2.500 euros para un rendemento medio equivalente ao obtido nunha hectárea).
As zonas máis afectadas
Os fortes ventos e a intensa chuvia asociada á borrasca Kirk produciron danos importantes nas plantacións de millo forraxeiro por toda Galicia, deitándoo e deixándoo inservible en moitos casos. O encharcamento das terras dificulta ademais a entrada da maquinaria para o seu ensilado e a posterior sementeira das pradeiras. As comarcas máis afectadas foron as da Terra Chá en Lugo, amplas zonas da Coruña, como Curtis ou Trazo, e a comarca do Deza na provincia de Pontevedra.
No caso da comarca da Limia, o sector máis afectado é o da pataca, con parcelas completamente anegadas onde o tubérculo non poderá ser recollido e pudrirá na terra, polo que os gandeiros de leite se solidarizan cos agricultores ourensáns e apoian as súas reivindicacións e as xestións que están a levar a cabo.
Agromuralla pide ademais que as axudas directas se estendan a outros colectivos, como a castaña ou a faba, cuxas producións este ano foron estragadas polo mal tempo, tirando ao chan a castaña antes de que estivera madura e pudrindo a faba na planta no caso dos produtores de horta.
Modificar as cláusulas do Agroseguro
«Na maioría dos casos o problema para os produtores agrávase porque a maioría non contan con seguros que cubran estes danos, polo que pedimos que sexan valorados e cubertos mediante axudas directas da Administración, debido a que a maioría de agricultores e gandeiros non contan con pólizas que cubran estas perdas ou, no caso dos que teñen seguro, as súas condicións leoninas van impedir o cobro das indemnizacións», asegura Agromuralla.
Neste sentido, explica, «en moitas delas ten que haber un mínimo do 8% da superficie afectada», mentres que noutros seguros «a franquicia é moi alta» e impide que boa parte dos danos sexan abonados.
O xabarín, outro «desastre natural»
As perdas polos temporais deste ano nos cultivos de millo únense ás do xabarín, que todos os anos provoca cuantiosos destrozos nas principais zonas produtoras e este ano de xeito máis intenos.
«O maior desastre natural que ten o millo neste momento segue a ser o porco bravo, que se converteu nunha auténtica praga totalmente descontrolada, ao igual que está a acontecer co lobo», asegura Agromuralla, que considera que a decisión da Xunta de declarar a emerxencia cinexética e permitir a caza do xabarín sen limitacións en 260 concellos «chega moi tarde».