O 77% das solicitudes aprobadas son de comunidades de montes veciñais en man común, mentres que o resto son de particulares de xeito individual (representan en torno a un 14,5%) e de agrupacións (arredor do 8%)
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de 2024 das axudas para a creación de superficies forestais, que permitiron aprobar 152 expedientes para actuar en máis de 2.000 hectáreas cun investimento de 4,8 millóns de euros. De feito, a boa acollida desta medida fixo que a Consellería incrementase a súa dotación inicial dende os 1,5 millóns de euros ata superar os 5,2 millóns.
Os beneficiarios destas axudas son as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores. Polo tanto, estas achegas representan unha importante inxección de fondos no rural galego (o que supón un claro beneficio económico) e teñen tamén repercusións positivas desde o punto de vista social e ambiental.
Dos 152 expedientes aprobados, o 77% son de comunidades de montes veciñais en man común. O resto son de particulares de xeito individual (representan en torno a un 14,5%) e de agrupacións (arredor do 8%). Ademais, nesta convocatoria aprobarase unha axuda para unha entidade local, o Concello ourensán de Larouco.
Estas achegas enmárcanse dentro da aposta do Goberno autonómico polo monte galego. De feito, entre 2016 e 2024, a Consellería do Medio Rural destinou preto de 41 millóns de euros para a creación de superficies forestais en Galicia. Con estes fondos actuouse nun total de 21.676,07 hectáreas e o número de plantas de coníferas e frondosas aprobadas para plantar no devandito período ascende a máis de 23,4 millóns de exemplares.
Deste total, algo máis de 21,3 millóns xa foron plantadas nos terreos forestais galegos. A elas cómpre sumar os algo mais de dous millóns de novos exemplares que se van plantar coa axuda do 2024, que se executará no que resta de ano e ao longo do 2025.
Repercusións ambientais, operativas e económicas
A cantidade de planta aprobada para aumentar a superficie arborada de Galicia, aparte de evidentes repercusións ambientais, ten unha serie de implicacións importantes para o sector de produción de planta en viveiros galegos, tanto desde un punto de vista operativo como económico.
Así, coñecer a cantidade exacta de planta aprobada permite os viveiros programar e planificar as actividades de produción (sementeira e cultivo) de maneira máis eficiente asegurando que as plantas estean listas para a plantación na temporada adecuada. Ademais, aporta unha estabilidade económica, porque poden prever ingresos, o que contribúe á súa estabilidade económica.
Estas axudas enmárcanse no contexto do PDR de Galicia 2014-2020 e amosan con feitos o compromiso continuado da Xunta pola ampliación e diversificación da superficie forestal arborada, en liña con diferentes eixos da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara a neutralidade carbónica”.
Ligazón á resolución no DOG: