O PSdeG Provincial da Coruña cualifica os orzamentos da Xunta como decepcionantes e lamenta que replican partidas ano tras ano sen executalas

por 21 Noticias

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña valorou nunha rolda de prensa celebrada en Ferrol os novos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025.

Participaron na rolda o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e os membros do Parlamento galego Julio Abalde, Silvia Longueira e Patricia Iglesias.

Comezou intervindo Fernández Piñeiro, que sinalou que «só podemos calificar, para a nosa desgracia, como decepcionantes» os orzamentos da Xunta para 2025.

«Atopámonos cuns orzamentos que replican partidas ano tras ano», afirmou o socialista, poñendo como exemplo os casos das vías de alta capacidade Costa Norte e Costa da Morte.

«A VAC Costa Norte leva prometida 21 anos», lembra Fernández Piñeiro, que destaca que «o que hai executado foi co bipartito». «Vemos como no orzamento da Xunta se replica esa partida sen que se execute nin un só céntimo», lamenta.

O secretario xeral provincial indicou que coa VAC Costa da Morte sucede o mesmo, subliñando ademais que «con 3 millóns de euros, pois poucos quilómetros de autovía se fan», en referencia ao «pírrico» orzamento de ambos proxectos.

Criticou tamén o socialista que o Goberno galego anunciase «grandes investimentos en vivenda e en infraestruturas deportivas que unha vez que entras no orzamento tampouco aparecen», preguntándose «cal é o impedimento para poñelo con nomes e apelidos».

Declaracións dos deputados

O parlamentario socialista Julio Abalde, por outra banda, quixo destacar que «ata o ano 2028 non vai estar rematado o Hospital de Ferrol, cousa que non coincide en absoluto coas previsións no momento en que se puxo en marcha este proxecto».

«Son presupostos que non son ambiciosos, son presupostos que non tratan de supoñer un cambio radical na forma de funcionamento da economía galega», criticou o deputado.

Pola súa banda, a parlamentaria Silvia Longueira puxo o caso de Cedeira para exemplificar «a negación por parte do goberno da Xunta de Galicia de recibir aos alcaldes que non teñen o mesmo signo político».

«Malamente despois un pode facerse cargo se non ten un pequeno plantexamento de que vai a pasar», dixo en referencia a ausencia de proxectos en concellos non gobernados polo Partido Popular.

Tamén censurou que a Xunta ignorase as demandas do colexio público de Miño, que precisa dunha renovación que «dea cabida á poboación de nenos e nenas que se está incrementando ano tras ano».

Finalmente, Patricia Iglesias apuntou que o feito de que a estrada AG-55 teña peaxes amosa unha «grande hipocresía» por parte do goberno de Rueda, que «reclama cunha man a gratuidade da AP-9».

«De novo vemos a un goberno do PP, ao goberno de Rueda, que se sitúa do lado das concesionarias e das empresas e dá as costas aos cidadáns», engadiu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario