A Xunta concede preto de 62.000 euros en axudas para a transformación dixital do sector comercial a sete negocios de Ferrol

por Redacción A Coruña

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou sobre a resolución desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita á pastelería e confeitaría Ana Simó Valencia Ultramar.

A Xunta de Galicia concedeu este ano axudas por valor de 61.751 euros a sete negocios de Ferrol para a transformación dixital, innovación e modernización do sector comercial e artesanal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta desta resolución durante unha visita efectuada esta mañá á pastelería e confeitaría Ana Simó Valencia Ultramar, unha das empresas beneficiarias desta convocatoria. 

En concreto, este negocio percibiu unha achega autonómica de 11.775 euros da liña de dixitalización comercial para a posta en marcha e mantemento da páxina web, para a mellora das ferramentas de posicionamento dixital e loxística e-commerce. Dentro deste capítulo tamén percibiu axudas para a xestión de redes sociais e imaxe dixital. 

A delegada territorial incidiu na importancia desta convocatoria de cara a impulsar a competitividade do tecido comercial, incentivando o consumo nos negocios locais galegos e aproveitando o abano de oportunidades que achegan as novas tecnoloxías.

Aneiros lembrou que este é tamén o obxectivo que procura o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que está a elaborar actualmente o Executivo autonómico da man de todos os axentes implicados, coa finalidade de recoller as súas achegas para “afianzar un tecido comercial sólido, renovado e adaptado aos novos tempos”, indicou.

O plan estratéxico, que está previsto que estea listo no primeiro trimestre de 2025, contemplará unha batería de medidas para fortalecer o sector do comercio, impulsar os mercados e prazas de abastos, contribuír á consolidación dos centros comerciais abertos e seguir reforzando o tecido artesán.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario