O Concello organiza o vindeiro 31 de outubro un xogo de pistas ao aire libre para toda a familia. A xornada rematará cun magosto popular de balde.
O Rosal convértese na capital da aventura este Samaín. O vindeiro 31 de outubro o Concello organizará unha xornada inesquecible para celebrar esta data sinalada con diversión, lecer e castañas de balde para todos os públicos. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “non hai mellor escenario para vivir o Samaín que as rúas do Rosal, celebrando unha festa que conecta o pasado co presente con actividades coas que buscamos manter vivo o noso patrimonio cultural, engadindo un toque de diversión e modernidade que atraia a todas as xeracións de rosaleiros e rosaleiras”.
A xornada comezará cun xogo de pistas ao aire libre para nenas, nenos e maiores. A cita dará comezo ás 18.00 horas diante do mercado do Rosal, onde se reunirán os grupos participantes nesta actividade pensada para todas as idades. Da man de Biophilia, as e os participantes irán descubrindo a contorna pista tras pista.
A actividade contará cun máximo de 25 prazas para nenos e nenas, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta. A actividade, pensada para público familiar, está deseñada para que todas e todos os participantes se involucren, con pistas axeitadas para que cativada e maiores se divirtan. Ademais, a participación dividirase en varios grupos compostos por varias familias, o que posibilita a opción de que participen varias xuntas.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse ata o mesmo día do xogo de forma presencial na Casa do Concello ou chamando ao 986 625 000. A única condición será acudir con ganas de pasalo ben e, se o desexan, ir disfrazados. En caso de choiva lixeira o evento manterase en pé, mentres que se o tempo non acompaña e hai choiva máis forte podería verse aprazado.
A xornada rematará ás 20.00 horas cun magosto popular de balde na Praza do Calvario aberto a toda a veciñanza. “Será unha oportunidade perfecta para reencontrarnos, compartir e vivir o espírito do Samaín cunha tradición tan nosa como o magosto. O lume, as castañas e as historias que nacen arredor delas farán desa noite algo único”, resaltou a rexedora.