A poesía de Manuel María e a música lírica únense este sábado na súa Casa-Museo

por Redacción Galicia

Noemí Salomón como pianista e Nuria Lorenzo como mezzosoprano, protagonizarán a gala interpretando as cinco composicións finalistas do 3º Concurso Manuel María de composicións musicais que convoca a Casa-Museo para logo, na 2ª parte, dar un concerto de música galega.

A Casa-Museo Manuel María celebra este sábado, ás 17.30 hrs, a gala-concerto da fase final da IIIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A esta fase final accederon cinco pezas seleccionadas entre o conxunto das presentadas a concurso, resultando ser da autoría de tres compositores galegos e dous de fóra que compuxeron as súas cancións para piano e mezzosoprano sobre poemas de Manuel María:  O carro, Galiza, Neno, Mito e Galicia, compostas por María Mendoza, Saúl Aguado de Aza, Luis Serrapio Fernández e Francisco José Carbonell Matarredona.

A gala contará como intérpretes convidadas ás músicas galegas Nuria Lorenzo, mezzosoprano, e Noemí Salomón, pianista. O seu concerto constará de dúas partes. Na primeira interpretarán as cinco pezas finalistas do certame, mentres que na segunda  -mentres que o xurado delibera para determinar a canción gañadora- o público asistente poderá desfrutar dunha serie de pezas dos compositores galegos José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.

Noemí Salomón, catedrática repertorista no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que colabora co International Bach Festival, con Amigos Canarios de la Zarzuela e coa Orquesta Filarmónica de Gran Canaria; e Nuria Lorenzo, catedrática de canto no Conservatorio Superior de Música da Coruña, que vén de gravar un traballo Di-Versos femeninos onde interpreta, xunto ao pianista Alejo Amoedo, a música do compositor Juan Durán escrita a partir de poemas de mulleres, realizarán un concerto dividido en dúas partes.

O concurso Manuel María de Composición Musicais, instituído anualmente pola Casa-Museo, chega este ano á súa terceira edición e conta cun premio en metálico de mil euros para a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María, ademais da publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

O concurso conta cun salientábel xurado presidido por Margarita Viso, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Premio da Crítica Galega en 2020. Actuará como vogal Alejo Amoedo Portela, catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal fai parte Julio Cabo Meseguer, catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actúa como secretario, sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación.

Esta Gala-Concerto é pública e gratuíta, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo,  mais é necesario facer, previamente, a reserva correspondente a través do correo a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou enviando un whatsapp ao 698177621.



Comparte éste artículo
Escribe tu comentario