“Abandono e total falta de xestión” do goberno de Vilalba en materia de deportes ante “o descontrol de peche de instalacións municipais e o mal estado do campo da Magdalena”

por Jorge García

Os populares inciden en que “o bipartito non está a realizar os labores de control sobre os servizos externalizados de conserxería, limpeza e mantemento nas instalacións deportivas”; é dicir, “despreocúpase” e “non controla o gasto de diñeiro dos vilalbeses e vilalbesas”.

Os concelleiros do PP de Vilalba comparten o malestar dos vilalbeses e vilalbesas ante a “ausencia total de xestión, preocupación e control” do goberno municipal en materia de deportes como evidencia “a falta de control de apertura e peche no pavillón municipal e o mal estado do terreo de xogo do estadio municipal da Magdalena”. Nese sentido, condenan “o abandono total das súas funcións” porque deriva “no descontrol dos cartos de todos os vilalbeses e vilalbesas”.

Os populares advirten que “a pasada semana o pavillón quedaba aberto e coas luces acendidas a medianoite despois dun partido de fútbol sala”. O Concello é o responsable do servizo de limpeza e conserxería das instalacións deportivas municipais que ten externalizado; pero “o goberno local non fai o debido seguimento da prestación deste servizo ao que dirixe diñeiro de tódolos vilalbeses”. Ademais, o feito de que ninguén peche ou apague as luces, supón outro gasto para as arcas municipais: o incremento da factura da luz de forma innecesaria.

O estado do estadio municipal da Magdalena é moi deficiente debido á falta dun mantemento adecuado do terreo de xogo, a pesar de que “o Concello dirixe 4.000 euros ao mes para o coidado da Magdalena, pero sen controlar os traballos”. E “iso impide que poida acoller distintas competicións”, é dicir, “Vilalba dispón dunha instalación deportiva que non se pode empregar”. 

Os populares piden ao goberno local “tomar medidas” de forma inmediata porque “esta situación pode empeorar de cara ao inverno”. O club local -o Rácing Club Villalbés- terá que celebrar, por primeira vez, un dos seus encontros como local noutra localidade.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular esixen “máis control” por parte da concellería de deportes sobre os servizos de limpeza e conserxería, como teñen demandado noutras ocasións, e nos labores de mantemento do campo da Magdalena que permitan darlle uso en condicións de seguridade aos usuarios e usuarias.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario