O PPdeG pon en valor as medidas do Goberno galego para a xuventude: «Traballamos por resolver as demandas da xente nova»

por 21 Noticias

Novas Xeracións de Galicia salienta o seu obxectivo de «ser útiles para a mocidade» resolvendo as demandas da xente nova, trasladándoas ás diferentes administracións e materializándoas en medidas reais e efectivas como as que promove día a día o Goberno de Alfonso Rueda.

Esta mañá a organización político-xuvenil do PPdeG, coa súa presidenta Nicole Grueira á fronte, organizou un reparto informativo na zona universitaria de Santiago de Compostela para dar a coñecer medidas promovidas polo Executivo galego como as matrículas universitarias gratuítas, a conxelación das taxas de máster, o Bono Deporte para todos os mozos federados de ata 16 anos, as axudas para a obtención do carné de conducir ou programas como Xuventude Mentoring ou o Carné Xove.

Este reparto foi o primeiro dunha campaña que Novas Xeracións levará a cabo de xeito periódico durante os próximos meses en todos os campus universitarios de Galicia, e tamén noutras zonas, co obxectivo de «continuar a pé de rúa e ao carón da xente moza».

Nesta ocasión quixeron destacar especialmente as novidades que recollen os Orzamentos galegos para 2025, especialmente no eido da vivenda. Así, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda da mocidade, reservaráselle ata o 25% das vivendas en venta e o 40% das de aluguer que promova o Goberno galego no seu obxectivo de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura.

A isto súmase o novo Bono Emancípate, coa que se pretende facilitar que a xuventude galega poida emanciparse e independizarse a través dunha axuda para cubrir os primeiros gastos que xera a posta en marcha dun fogar propio, como o mobiliario ou a mudanza. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario