O director xeral de Comercio e Consumo presidiu a reunión do xurado destes galardóns que buscan estimular a creatividade dos artesáns galegos, recoñecer a súa traxectoria e incentivalos a mellorar con especial atención ás novas xeracións.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2024, celebrada na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Tras a súa reunión, o xurado decidiu dar a coñecer os tres finalistas que competirán pola categoría Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros. Os seleccionados foron o torneiro Aitor Martínez (Tomiño), a cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), e Santiago Besteiro (Monterroso), especializado no traballo do coiro.
Así, tras as oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2024, a peza con lema Culeiros, de Santiago Besteiro Design, unha colección de pezas que reinterpretan a través de tiras de coiro os cestos tradicionais típicos da vendima na Ribeira Sacra, o culeiro, e o traslada ao mundo do interiorismo.
Tamén a peza con lema Ju, de Aitor Martínez, unha peza de madeira de carballo de grande volume, coa que o autor rende homenaxe a un dos seus mestres e a todos aqueles que viven coas súas feridas e cicatrices.
A maiores, entra na terna a peza con lema Periferia#01, de Julia de la Cal, coa que se redefine unha cesta exenta do seu contexto tradicional e funcional para atopar un obxecto cheo de oportunidades estéticas, combinando a manufactura cesteira con aplicacións máis habituais da pintura ou da escultura.
Cómpre engadir que os e as vogais que completaron o xurado foron Laura Fontenla, subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial; Lola Dopico, coordinadora do mestrado universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda Esdemga da Universidade de Vigo; Francisco Millán, responsable de Frouma (Ribeira) e gañador do Premio Artesanía de Galicia 2023; e Antonio Suárez Martín, director do Centro Albayzín e do Centro de Referencia Nacional de Artesanía de Granada. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.
Os Premios
Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar a remuda xeracional no sector. Como novidade este ano, increméntase o número de galardóns na categoría Bolsa Eloy Gesto, que pasan de unha a tres, polo que aumenta tamén a dotación orzamentaria destes galardóns que chegará ata os 21.000 euros. Modifícase, así mesmo, a idade máxima dos galardoados, que poderán ter ata 45 anos de idade.
O Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros, premiará a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos. O Premio Traxectoria 2024, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.
Os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada coa categoría Bolsas Eloy Gesto, que poderán premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio. Premiaranse as candidaturas que presenten unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador dos proxectos, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.