Se de algo está doente o internacionalmente coñecido pianista inglés James Rhodes, é da mesma carraxe que moitas galegas e galegos vimos padecendo xa antes desa terrible estadística na que se debulla coma os menores de quince anos non articulan unha frase na nosa língua en ningún momento das súas vidas. Porque xa o sabiamos, non se precisa máis que escoitar falar arredor, no propio entorno e xa non digamos se temos crianzas, alleas completamente á herdanza que un día transmitiron os seus avós, e que comeza polo rexeitamento de pais a nais a que perviva na súa descendencia.
Un autoodio que Rhodes non alcanza a entender e comenta nunha entrevista concedida a un xornal que, pese ás millonarias subvencións que recibe para dar pulo ao galego, é o primeiro que o desbota da case totalidade do seu contido. O inglés láiase dunha situación que non comprende, cando el mesmo presume xa de dar os seus primeiros pasos como galego falante e de comezar a escribilo. Que absurdo complexo pode levar a un nativo a renegar da posibilidade de ser bilingüe mentres un estranxeiro pon en valor a língua que a outros vén dada por nacemento? El tamén se fai esa pregunta e non atopa resposta, pero nós si. É a falla de autoestima, a falla tamén de potenciadores e referentes mediáticos e gubernamentais que a empreguen con normalidade, sen obrigas de guión nin por contrato. Que saia natural, e dicir «boas noites» cando remata un programa non sexa ningunha nova, senón o propio dun galego. Pero a peor eiva do idioma somos nós mesmos, todos cantos se negan a transmitilo e impiden que as novas xeracións teñan a oportunidade de coñecelo e facelo seu. Que non se sintan estraños cando algún outro neno, que serán poucos pero habelos hainos, fale a língua que a eles se lles nega como se fose un mal a evitar. Unha pobreza á que James Rhodes, nado noutro país e noutra língua, quere virar para que falar galego sexa algo que non avergonce a ninguén….Máis ben ao contrario, que nos faga sentir ricos.