PPdeG. “O Goberno central minte para non transferir a AP-9 a Galicia: É posible atopar unha solución, pero necesítase vontade política”

por David Otos

O Partido Popular de Galicia denuncia que o Goberno central se escuda en mentiras na súa negativa a transferir a AP-9 e na súa falta de compromiso coa mellora das infraestruturas estatais na Comunidade: «É posible atopar unha solución, pero para iso necesítase vontade política».

Así o considera o eurodeputado galego Adrián Vázquez, para o que a transferencia da autoestrada que vertebra Galicia e o avance na consecución da súa gratuidade constitúe «un asunto vital» e por iso afea ao Executivo estatal a súa actitude ao respecto «escusándose en argumentos que non son verdade».

«Noutros países europeos con autoestradas en situación similar á da AP-9 no que se refire ao rescate ou á supresión das peaxes, si foron quen de atopar solucións», explica poñendo o exemplo de Italia, Hungría, Francia ou Portugal.

O político lalinense fai extensiva esta «falta de vontade política» tamén á negativa do Goberno de Sánchez a «compartir a documentación que entregou á Comisión Europea e que, segundo eles, impide o rescate da autopista». De aí que insista na súa demanda de «coñecer exactamente que é o que está facendo o Goberno».

A RELACIÓN ENTRE GALICIA E O AVE SEGUE DANDO PASOS ATRÁS

Na mesma liña, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, amósase convencida de que a AP-9 non sería tan necesaria e ademais se podería diversificar o transporte na nosa Comunidade «se o Goberno central se puxese as pilas co caos ferroviario». Por iso lamenta que, en vez de dar pasos cara adiante, «a relación entre Galicia e o AVE segue dando pasos cara a atrás».

Brindis ao sol de Óscar Puente

Recordando o «premio inmerecido» que recibiu o ministro Óscar Puente o pasado domingo en Lugo e o seus continuos «brindes ao sol», a número dous dos populares galegos sitúa na mesma liña de incumprimentos o ocorrido esta semana con Pedro Sánchez «pasando de Galicia e da conexión de Alta Velocidade con Portugal e, polo tanto, perpetrando o seu enésimo golpe a un proxecto fundamental».

«É lamentable que mostre máis interese polas infraestruturas galegas o Goberno portugués que o Goberno do noso propio país», conclúe ao tempo que sinala que «os compromisos demóstranse con números e os números delatan o nulo interese do Goberno central con esta infraestrutura».

A conexión do AVE Galicia-Portugal no limbo

Refírese así ao feito de que a renuncia de Sánchez a aprobar uns Presupostos Xerais para 2025 implica tamén unha renuncia á conexión de AVE con Portugal, xa que se prorroga a «pírrica» partida de 30.000 euros asignada á Saída Sur de Vigo.

Por todo isto, desde o PPdeG afirman que seguirán loitando desde todas as institucións pola conexión Vigo-Porto por Alta Velocidade, xa que consideran que se trata dunha «infraestrutura clave para Galicia e para a vertebración de Europa».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario