A pasada semana comezaron as sesións formativas ás praceiras e praceiros que terán lugar durante o mes de outubro.
O Concello da Coruña iniciou a pasada semana a formación ás praceiras e praceiros do Mercado Municipal de San Agustín, no marco das actuacións para a obtención do Selo de Mercado Excelente. A iniciativa vai na liña da revitalización do mercado posto en marcha polo Goberno de Inés Rey, coa humanización da contorna e a posta en uso dos postos exteriores.
O selo de ‘Mercado Excelente’ recoñece aos mercados e prazas de abastos galegos que acadanos estándares de calidade establecidos no Plan de Mercados Excelentes de Galicia, revulsivo económico e incremento do seu atractivo e interese turístico.
A primeira das actuacións no proceso de consecución do selo consisten na formación presencial ofrecida ás praceiras e aos praceiros que comezou esta semana no Centro municipal de empresas ACCEDE Papagaio. O programa de formación ten como obxectivo proporcionar contidos útiles, dinámicos e prácticos para as persoas participantes con contidos que abranguen dende a ordenanza municipal de funcionamento dos mercados, ata o etiquetado de produtos, dereitos dos consumidores ou a imaxe e colocación dos produtos dende un punto de vista comercial. En total, impartirase tres sesións ao longo do mes de outubro.
Así mesmo, tras a formación realizaranse outras iniciativas como un estudo de diagnose da localización e usos do mercado, que permitirá avaliar e adaptar as futuras accións ás súas necesidades reais. «O obxectivo é acadar o selo para a potenciación como equipamento e servizo público», indicou a concelleira de Comercio, Emprego e Mercados, Diana Cabanas. O programa está cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración das subvencións para o impulso dunha Rede de mercados excelentes de Galicia.
O Mercado de San Agustín, posicionado a nivel nacional
Esta fin de semana tivo lugar o IV Encontro Nacional de Mercados Tradicionais en Sevilla, con representantes institucionais de diferentes puntos de España. A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, asistiu á xornada en representación do Concello da Coruña, administración convidada pola Confederación dos Mercados Tradicionais de Abastos de España (METRAE), organizadora do encontro.
Cabanas destacou o traballo levado a cabo polo Goberno de Inés Rey para a dinamización do comercio local e dos Mercados Coruñeses, con exemplos de accións como o Mercado das Nubes no Mercado de San Agustín. O emplazamento foi referenciado durante a ponencia inaugural das xornadas como exemplo de modelo de xestión, xunto coa Boquería de Barcelona e o Mercado da Ribera de Bilbao.