Formoso destaca o impulso do PEL ao emprego e o emprendemento no rural da provincia da Coruña

por 21 Noticias

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no foro ‘El Reto de Emprender en el Rural’, organizado por Economía Digital Galicia no Pazo de Mariñán de Bergondo. Durante o debate coa conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, Formoso destacou a transcendencia que están tendo as liñas PEL (Plan de Emprego Local) da Deputación tanto na creación de emprego como no desenvolvemento do emprendemento no ámbito rural.

«O emprego é un elemento fundamental para fixar poboación no rural. Sen oportunidades laborais, a xente marcha cara as grandes cidades. Dotar ao rural de servizos e infraestruturas é moi importante, pero crear emprego é fundamental», apuntou o presidente.

Neste sentido, lembrou que a creación do PEL no ano 2016 supuxo un cambio fundamental nas políticas da Deputación de cara a impulsar o emprego e facer fronte ao despoboamento do rural. Nestes oito anos, o PEL acumula un investimento de 115,5 millóns de euros que facilitaron a creación de máis de 7.000 empregos directos, beneficiaron a 2.734 empresas e máis de 4.100 persoas autónomas, a gran maioría delas instaladas no rural coruñés. Neste sentido, tamén destacan tamén os 11 centros da Rede Provincial de Coworking, que neste tempo deron soporte a 320 proxectos emprendedores na provincia.

Na súa intervención, Formoso avogou por fórmulas como as «cláusulas demográficas» que primen a instalación de determinados servizos públicos que as administracións podan prestar desde os concellos máis pequenos ou «incentivos fiscais para aquelas empresas que decidan implantarse no rural e crear emprego».

O presidente destacou tamén a importancia de impulsar a implantación nos concellos máis pequenos de proxectos industriais, que xeran maior número de empregos e mellor retribuídos, para o que é necesario mellorar comunicacións e dispor de solo industrial do que actualmente carecen moitos concellos.

As enerxías renovables son tamén «unha oportunidade para o mundo rural», afirmou Formoso, que defendeu «apoiar aqueles proxectos serios que se comprometan co desenvolvemento do territorio e creen emprego ou revertan alí os seus beneficios».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario