Novas Xeracións do PPdeG percorrerá Galicia para dar a coñecer as numerosas medidas do Goberno de Alfonso Rueda dirixidas á xuventude

por 21 Noticias

Novas Xeracións de Galicia anuncia que nos próximos meses percorrerá as catro provincias galegas organizando repartos informativos e coloquios co obxectivo de dar a coñecer as numerosas medidas recollidas nos Orzamentos de 2025 e dirixidas á xuventude e que «demostran un compromiso claro co presente e futuro da mocidade galega».

Esta tarde reuniuse o Comité Executivo da organización xuvenil do PPdeG para precisamente valorar estes orzamentos que, consideran, «seguen unha liña eficaz que non só responde ás demandas inmediatas dos mozos, senón que tamén busca ofrecerlles oportunidades para o seu desenvolvemento no futuro».

«Ao incluír medidas enfocadas a axudar á xente nova a independizarse, formarse, traballar e moverse, o Goberno galego demostra o seu compromiso coa mocidade», explican ao tempo que poñen en valor que Alfonso Rueda «é un presidente que escoita á xente nova, traballa para ela e pon os seus intereses nun lugar preferente».

Destacan así medidas como o Bono Emancípate, con axudas económicas directas para facilitar a posta en marcha da primeira vivenda; a Estratexia Mocidade Activa, para facilitar a inserción laboral e mellorar a empregabilidade da xuventude; ou a gratuidade das matrículas universitarias, que facilita o acceso á educación superior sen que a carga económica sexa un obstáculo.

A isto hai que sumar a aposta do Goberno galego pola construción de máis vivenda pública, garantindo a reserva dun 25% para compra e un 40% para aluguer de mozos. Algo que desde Novas Xeracións consideran «esencial para garantir que a mocidade dispoña de opcións accesibles e adecuadas para emanciparse e construír o seu propio futuro».

Tamén poñen en valor o investimento en actuacións que facilitan a mobilidade, como a tarxeta Xente Nova, e que contrastan co nulo compromiso neste eido dun Goberno de Pedro Sánchez «máis preocupado en eliminar trens que en ampliar as posibilidades de desprazamento dos mozos».

Na reunión, que estivo encabezada pola presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, tamén se deu conta das renovacións que se produciron recentemente na organización coa elección de Miguel Gallego como novo presidente provincial en Lugo e de Brais Moreno como presidente local en Narón.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario