Persoal Investigador da UDC investiga a utilización de adhesivos para substituír as soldaduras na fabricación de barcos

por Redacción A Coruña

Un equipo multidisciplinar da Universidade da Coruña e da Universidade Nacional de Chimborazo (Ecuador) realizan un estudo sobre a durabilidade de determinadas unións adhesivas como unha alternativa viable na fabricación de barcos.

Un equipo investigador da Universidade da Coruña formado por Francisco Javier Rodríguez e Ana Álvarez, do Grupo deInvestigación Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol; Javier Tarrío e Salvador Naya, do grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC); e o investigador da Universidade Nacional de Chimborazo (Ecuador) Antonio Meneses; acaba de publicar un estudo na revista Ocean Engineering que analiza a durabilidade dalgunhas unións adhesivas que poderían substituír as soldaduras na fabricación de barcos.

O artigo, titulado “Predicting lifetime of adhesive bonds for naval steel by estafe-temperature superposition”, foi recollido na prestixiosa revista OceanEngineering, da editorial Elsevier, que está clasificada no cuartil Q1, con maior factor de impacto no seu ámbito de investigación.

Adhesivos que poderían cambiar as regras de xogo

O uso de adhesivos é común en industrias como a automotriz e a aeronáutica. Con todo, na construción naval as soldaduras aínda predominan. Este estudo demostra que os adhesivos poden converterse nunha alternativa viable, ao ofreceren non só maior durabilidade, senón tamén unha oportunidade para construír buques máis lixeiros, mellorar a súa eficiencia e reducir custos de mantemento.

Simulando décadas no mar

A investigación predí a vida útil mediante unha metodoloxía propia. Para avaliar a durabilidade dos adhesivos en condicións marítimas extremas, o equipo de investigación utilizou un método baseado no principio de superposición de tempo-temperatura (TTS). Este método permite facer probas en condicións controladas de laboratorio, aplicando temperaturas elevadas que simulan, en pouco tempo, os efectos de anos de uso real no mar. Así logrou estimar canto tempo poderían resistir os adhesivos antes de fallar.

Nos ensaios probáronse tres tipos de adhesivos: metacrilato de metilo (MMA), metacrilato e epoxi. Os resultados indican que o MMA ten unha vida útil de ata 35 anos, o metacrilato alcanza aproximadamente 28 anos e o epoxi ten unha duración de 20 anos. Dado que a vida útil media dun barco é de 25 anos, o MMA e o metacrilato superan esta expectativa e posiciónanse como unha alternativa real ás soldaduras para certos elementos da construción naval.

O estudo tamén incorporou modelos de intelixencia artificial para analizar os datos obtidos, o que permitiu mellorar a precisión das predicións. Grazas á colaboración co grupo MODES do CITIC, e ao desenvolvemento de modelos estatísticos propios, o persoal investigador puido avaliar de forma máis precisa a durabilidade dos adhesivos en distintas condicións. 

Unha nova era para a construción naval 

Os adhesivos poderían revolucionar o futuro da industria naval ao ofrecer solucións máis lixeiras, duradeiras e económicas. Esta investigación, que forma parte da tese de Francisco Javier Rodríguez, investigador do CITENI, suxire que o MMA é un adhesivo especialmente prometedor para substituír as soldaduras na fabricación de embarcacións.

Ao utilizar estes compostos poliméricos, pódense lograr unións máis lixeiras, o que mellora a eficiencia das embarcacións, elimina o traballo en quente asociado ás soldaduras e aumenta así a seguridade laboral. Ademais, esta innovación podería traducirse nun aforro considerable nos custos de mantemento e nun impulso cara á sustentabilidade das futuras embarcacións.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario