Sanidade inicia a segunda fase do ensaio clínico GalFlu para probar a eficacia da vacina de alta carga contra a gripe en 70.000 galegos de 65 a 79 anos

por Redacción Galicia

Un total de 450.000 galegos son convidados desde hoxe a participar nesta nova fase do ensaio clínico da Dirección Xeral de Saúde Pública e o IDIS.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou o inicio da segunda fase do ensaio clínico GalFlu para probar a eficacia da vacina de alta carga contra a gripe en 70.000 galegos de 65 a 79 anos, coincidindo co inicio da vacinación fronte á gripe e a covid nos grandes recintos.

Este estudo clínico, no que Galicia é pioneira, estase a levar a cabo a través da colaboración da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e investigadores do grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego presentou en rolda de prensa o inicio da segunda fase do ensaio clínico, onde aproveitou para facer un chamamento á poboación a que se vacine fronte á gripe e a covid. Na rolda de prensa o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e por Federico Martinón, investigador principal do proxecto.

O que se pretende con esta iniciativa en marcha é analizar se a vacina antigripal de protección reforzada, que é a que xa se está a aplicar a maiores de 80 anos, é igualmente beneficiosa para as persoas de menor idade, entre os 65 e 79 anos.

Deste xeito, as persoas dese rango de idade que acudan a vacinarse nos grandes recintos habilitados en todas as áreas sanitarias poderán participar voluntariamente neste estudo. En total, a partir de hoxe chámase a participar a 450.000 galegos e galegas, os mesmos que o pasado ano, cando colaboraron preto de 60.000 cidadáns.

Potenciación da investigación

Gómez Caamaño puxo en valor que con esta iniciativa o seu departamento segue no camiño iniciado de potenciar a investigación traslacional, que permite tomar decisións sobre a base dos resultados que se obteñan neste ensaio clínico.

O conselleiro subliñou que o seu departamento continuará a fomentar a colaboración cos novos investigadores a través dos institutos de investigación sanitaria, posto que é unha liña de acción prioritaria, como o acreditan os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano que recollen unha partida de 23,3 millóns de euros a este fin. A eses máis de 23 millóns de euros hai que engadir os 47,3 millóns que a Xunta destina a financiar a actividade das tres fundacións públicas galegas de investigación sanitaria, concluíu o conselleiro.

Datos do estudo

Pola súa parte, o doutor Martinón explicou os resultados acadados na primeira fase do ensaio e o desenvolvemento desta segunda fase. Así dixo, que 59.490 cidadáns galegos de idades comprendidas entre 65 e 79 anos participaron na primeira tempada do estudo, cuxo recrutamento se fixo entre o 26 de outubro e o 26 de novembro do pasado ano.

A taxa media de participantes diaria foi de 2.480 persoas, sendo a máxima taxa de participantes diaria de 4.136. O doutor Martinón detallou que as persoas que participaron na primeira fase do GalFlu presentaron taxas de ataque de infección por gripe máis baixas en comparación coa poboación non vacinada, sendo a positividade da gripe de 10,30% de media na cohorte de GalFlu, fronte a 14,6% en galegos de 65 a 79 anos non vacinados.

Esta menor taxa de ataque de gripe entre quen participa en GalFlu resalta non só o valor de participar no estudo senón, tamén, o impacto da vacinación contra a gripe a nivel de saúde pública, sinalou Martinón, quen remarcou que as vacinas da gripe salvan vidas.

Respecto da segunda fase, dixo que están convidados a participar 450.000 galegos e galegas de entre 65 e 79 anos, sendo o obxectivo do recrutamento entre 57.000 e ata 70.000 persoas.

Porcentaxes de vacinación actuais

Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, ofreceu as porcentaxes actuais de vacinación que, no que respecta á gripe no colectivo de persoas de 80 ou máis anos, é do 70%, e nos nenos e nenas menores de 5 anos sitúase no 35%. Polo que atinxe á covid, a vacinación está xa no 65% no grupo de 80 ou máis anos e, no virus respiratorio sincitial, a porcentaxe de vacinación é do 88%.

Carmen Durán sinalou que ensaios coma este enmárcanse na senda dunha saúde pública pragmática, tomando decisións sobre a base aos estudos que se realizan, e animou á cidadanía a que se vacine, sobre todo a poboación máis vulnerable, posto que se agarda a gripe cunha sintomatoloxía “complicada”.

Tamén referiu que na actualidade, a gripe en Galicia aínda está nun momento basal, sendo a porcentaxe de positividade moi baixa.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario