O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe no Hula que son persoas de entre 70 e 79 anos e poderán participar nun ensaio coa vacina antigripal de protección reforzada.
A Consellería de Sanidade iniciou onte a vacinación fronte á gripe e a covid-19 nos grandes recintos convocando a 36.160 lucenses de entre 70 e os 79 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti, o Hospital Público da Mariña e o anexo do IES Río Cabe.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe no Hula a marcha da campaña e explicou que as persoas neste tramo de idade poden participar voluntariamente no ensaio clínico GalFlu para testar a vacina antigripal de protección reforzada.
Arias lembrou que este tipo de vacina xa se está a aplicar a maiores de 80 anos, e o propósito nesta fase de estudo é corroborar se resulta igualmente beneficiosa para as persoas de entre os 65 e 79 anos. No 2023 levouse a cabo a primeira fase, sendo Lugo a provincia que rexistrou unha maior participación; obtivéronse resultados positivos, ao reducir a taxa de ataque de infección por gripe do 14,6 % en galegos de 65 a 79 anos non vacinados ata o 10,30 % de media na cohorte de GalFlu.
O delegado lembrou que a vacinación das persoas de 80 e máis anos continúa nos centros de saúde de cabeceira; os niveis de cobertura acadados en Galicia neste grupo xa son do 66,5 % no caso da gripe, e do 62 % no caso da covid, e nos vindeiros días tentarase repescar aos que aínda non se vacinaron.
Ademais, tamén se pode pedir autocita para inmunizar aos nenos e nenas fronte ao virus respiratorio sincitial nos centros de saúde a partir do 4 de novembro e ata finais dese mesmo mes. O departamento sanitario galego pretende recaptar aos nenos e nenas que non se inmunizaron nos hospitais, de forma que agora poderán facelo no seu centro de saúde de cabeceira.
A medida está dirixida a nenos e nenas sen factores de risco nados desde o 1 de abril de 2024 ata que remate a actual campaña, o 31 de marzo de 2025.