A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a primeira sesión, á que asistiron unha trintena de representantes do sector asociativo e económico.
Esta mañá celebrouse a primeira reunión da Mesa de Seguridade e Convivencia, unha iniciativa do Goberno de Inés Rey co obxectivo de establecer un espazo de diálogo permanente entre as entidades veciñais, comercios, hostalería e corpos e forzas de seguridade da cidade. En total, unha trintena de representantes do sector asociativo e económico asistiron á reunión.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a reunión e presentou ás entidades o Plan de Seguridadeposto en marcha polo Concello o pasado mes de setembro para a mellora da coordinación e acción en materia de convivencia. Destacou o inicio do proxecto piloto da app para comerciantes que se está a levar a cabo nos barrios da Agra do Orzán e Catro Camiños. «Contamos xa con 54 establecementos adheridos, 28 na rúa Barcelona e 26 en Alcalde Marchesi», explicou a alcaldesa. Xa se está a repartir o cartel identificativo aos locais que se adheriron ao programa. O sistema, que se foi implantando nas últimas semanas, quedou hoxe operativo e xa enlaza directamente a través do móbil aos negocios adheridos coa Policía Local, permitindo intervencións máis rápidas en caso de necesidade. Nos vindeiros meses analizarase o resultado do proxecto piloto, coa intención de extendelo a outras rúas da cidade. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, estivo tamén presente na reunión.
A continuación da alcaldesa interviu a subdelegada do Goberno, María Rivas, quen destacou o labor diario das forzas de seguridade e subliñou a importancia dunha coordinación eficaz entre os diferentes corpos policiais.
A sesión completouse coa presentación a cargo do inspector da Policía Nacional, Alberto Arias, quen analizou os datos actuais de seguridade na cidade. O xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz, completou a intervención detallando o traballo levado a cabo polos axentes locais, así como as accións preventivas en marcha para fortalecer a seguridade nos barrios.
Na reunión tamén se abordaron aspectos específicos sobre a convivencia cidadá. En concreto, o inspector principal Jesús Ángel López Quintela explicou os obxectivos e actuacións da unidade de convivencia, destacando a súa importancia na xestión de conflitos e na promoción de boas prácticas entre os veciños. Pola súa banda, o inspector principal, Juan Puente Rapela, expuxo as funcionalidades do novo mapa e aplicación para o seguimento e información sobre seguridade e convivencia, que permitirá ás e aos residentes acceder a datos actualizados e colaborar máis activamente coa Policía.
A xornada pechouse cun espazo de intervencións aberto ao público asistente, no que os representantes veciñais, hostaleiros e comerciantes tiveron a oportunidade de expresar as súas preocupacións e suxestións en temas de seguridade. A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montserrat Paz, acompañada polo director da área de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, foi a encargada de moderar este intercambio e de derivar as inquedanzas individuais a reunións específicas coas autoridades correspondentes, fomentando así unha xestión máis personalizada e efectiva dos temas expostos.
A Mesa de Seguridade e Convivencia naceu co obxectivo de fortalecer a comunicación e a colaboración entre veciñanza, comercios e administracións. Reunirase de forma periódica co fin de facer un seguimento continuo da situación e mellorar a coordinación entre a cidadanía e os corpos de seguridade, promovendo así unha convivencia harmoniosa e segura na cidade.