Onte, ás 20:45 h., tivo lugar no Concello de A Guarda a presentación oficial do 1º Torneo Internacional Transfronteirizo do Minho, que marca un fito nesta modalidade e conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Dende o ente provincial, manifestaron o seu compromiso co balonmán e co fortalecemento das relacións institucionais entre ambas rexións.
Entre os asistentes estiveron Roberto Álvarez, deputado de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais da Deputación de Pontevedra e Alcalde do Concello de A Guarda; Ignacio Permuy e Fernando Mosquera, vicepresidentes da Federación Galega de Balonmán; Celso Rodríguez, Concelleiro de Deportes, e Isidro Lomba, Concelleiro de Infraestruturas, ambos do Concello de A Guarda; tamén varios dos directivos e directivas da Federación Galega de Balonmán.Tanto Ignacio Permuy coma Roberto Álvarez resaltaron a importancia deste torneo e do impulso da colaboración con Portugal para o balonmán galego. Permuy destacaron, ademais, o apoio incondicional da Federación Galega de Balonmán á organización de eventos que fomenten a participación e a competitividade da xuventude no ámbito deportivo. Álvarez subliñou o valor deste torneo para a proxección de A Guarda como epicentro do balonmán na rexión, reforzando as relacións transfronteirizas.
O acto tamén contou coa intervención de Ismael Martínez e Luis Montes, directores técnicos das seleccións galegas, os cales expresaron a súa satisfacción por esta iniciativa e pola oportunidade de contribuír ao desenvolvemento do balonmán de base en Galicia. Martínez e Montes valoraron a importancia de actividades coma esta, que non só fortalecen a técnica e o espírito deportivo dos xogadores e xogadoras, senón que tamén favorecen a creación de lazos entre deportistas de ambos lados do Miño.
Un momento especial da presentación foi protagonizado por varias xogadoras das seleccións galegas orixinarias de A Guarda, que tamén quixeron compartir as súas expectativas sobre o torneo. Con emoción e alegría, estas xogadoras destacaron o orgullo de competir na súa terra e contaron co apoio entusiasta dos asistentes, xerando momentos de ilusión, complicidade e moitas risas entre xogadores, familiares e autoridades.A alta participación dos familiares foi outro dos elementos destacados da xornada, xa que moitos deles se achegaron ata A Guarda para compartir cos seus seres queridos este ilusionante inicio do torneo, máis de 300 persoas ateigaron o centro cultural. A presencia das diferentes seleccións galegas reafirmou o compromiso da Federación con proxectos coma este, que ademais da actividade puramente deportiva promoven tamén a cohesión social e evidencian as fortalezas do territorio da provincia de Pontevedra.Para finalizar a presentación, amosáronse as imaxes do cartel oficial do torneo e o calendario dos partidos, que proximamente enfrontarán ás seleccións galegas e portuguesas nunha contenda de nivel internacional.Dende a Federación Galega de Balonmán, estiman que durante os días 31 de outubro e 1 de novembro se desprazarán unhas mil cincocentas persoas ao Baixo Miño con motivo do 1º Torneo Internacional Transfronteirizo do Minho, unha competición que promoverá a irmandade entre Galicia e Portugal.