Entre a devastación e a desolación, en Valencia tamén hai lugar para esas novas que enxugan un pouco o terror e devolven a esperanza nun mundo que ás veces cremos xa extinto. Nunha residencia de anciáns da localidade de Sedoví, dez empregadas conseguiron poñer a salvo aos cento vinte catro residentes ao seu coidado, cargando con eles e elas ao lombo dous pisos para que a auga non os levase por diante. Todos sobreviviron porque ningunha desas coidadoras pensou que, total, son vellos e ían morrer igual. Deixalos a súa sorte no medio do caos era unha opción, pero unicamente cando non tes corazón nin humanidade. E xa sabemos que diso tamén hai casos.
Dez mulleres que son parte dese oitenta e cinco por cento que se adican aos coidados, nun sector absolutamente feminizado que non remata no traballo profesional, senón que nos fogares tamén somos nós as que maioritariamente criamos primeiro, e coidamos dos nosos maiores despois. Pero do mesmo xeito, labouras case sempre invisibilizadas, pouco remuneradas e que se dan por sentado nos pertencen polo rol ancestral da muller nas antigas sociedades. Na vida moderna, nese eido, seguimos a ser coidadoras incluso cando temos outras profesións. Nos medios falan da residencia de Sedoví coma dun milagre…Pero non hai tal: só mulleres detrás traballando arreo para que ninguén sufra nin padeza estando nas súas mans. E para chegar onde tantas veces nunca chega máis axuda que ter un corazón no que cabe o mundo enteiro.