Turismo da Deputación da Coruña volve ao Gastronomic Forum Barcelona, que se celebrará do 4 ao 6 de novembro e onde se vai dar cita o mellor da gastronomía mundial, non hai máis que ver os nomes do programa: Oriol Castro, Laura Colagreco, Osman Sezene, Adejoké Bakaré, Eduardo Xatruch, Jordi Roca ou Andoni Luis Aduriz.
A Deputación ten reservado un espazo onde promoverá a súa marca ‘A provincia que sabe’ da man de produtores, distribuidores e cociñeiros que poñerán en valor, coas habituais degustacións e demostracións culinarias, as potencialidades gastroturísticas da provincia. Nesta edición, baixo o lema ‘Re-pensemos a restauración’, o foro barcelonés reivindicará a cociña con sentido de responsabilidade social, con produtos ecolóxicos e velando pola conciliación; os mesmos argumentos que están presentes en ‘A provincia que sabe’ e na estratexia e nos obxectivos do departamento de Turismo provincial.
«O saber e o sabor son dous dos nosos principais argumentos para vender territorio, por iso somos habituais en citas desta categoría, onde a cadea e o ciclo de valor da nosa gastronomía están sempre presentes para atraer xente e buscar a calidade do produto, tendo en conta ese factor de sostibilidade que, precisamente, este ano reivindica o Gastronomic», explica o vicepresidente provincial e responsable Turismo, Xosé Regueira, antes de viaxar á capital catalá.
Este ano serán tres os xeodestinos coruñeses nos que se centrará a programación da Deputación: Ferrolterra, Terras de Santiago e Costa da Morte, representados polas empanadas artesanais de Costumes de Galicia (Carballo), as conservas de mariscos e peixes d’A Conserveira (Ribeira), os roxóns e chourizos de Chichalovers (Santiago de Compostela), o queixo de pasta dura cocida de Galmesán (Arzúa), as patacas fritidas de Bonilla a la vista (A Coruña), os mariscos de Mariscos de Barallobre (Fene) e as algas de Algas de Mar de Ardora (Ortigueira).
Os cociñeiros Dani Castro (do restaurante O Camiño do Inglés, de Ferrol), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro, de Santiago) e Víctor Basante (Arrueiro, de Laxe) serán os encargados dos ‘showcookings’.
Ademais, o martes 5, ás 17.45 horas, o divulgador e xornalista Jorge Guitián conducirá a mesa redonda ‘Amas da Terra: legado, cultura e cociña’, na que intervirán as cociñeiras Lucía Freitas e Dolores García mais Dolores Gómez, bateeira de Rianxo e presidenta da Asociación Mulleres Salgadas
Programa
LUNS 4
12 h | Presentación de Mariscos de Barallobre.
13 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Ferrolterra | Restaurante: O Camiño do Inglés | Cociñeiro: Dani Castro.
- Vieira da ría de Ferrol macerada en café, con crema de champiñóns e aguacate asado.
- Peixe sapo de lareira, ‘meuniere’ galeguizada, vexetais ao natural e encurtidos.
14 h | Presentación e degustación de Chichalovers.
15 h | Presentación e degustación de conservas d’A Conserveira.
16 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Ferrolterra | Restaurante: O Camiño do Inglés | Cociñeiro: Dani Castro.
- Vieira da ría de Ferrol macerada en café, con crema de champiñóns e aguacate asado.
- Peixe sapo de lareira, ‘meuniere’ galeguizada, vexetais ao natural e encurtidos.
17 h | Charla «O viño na provincia da Coruña», a cargo de Alberto Varela, sommelier e CEO de Choiva Viños S. L., da Coruña.
MARTES 5
12 h | Presentación de Mariscos de Barallobre.
13 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Terras de Santiago | Restaurante: A Horta do Obradoiro | Cociñeiros: Kike Piñeiro e Eloy Cancela.
- Vieira de Cambados con manteiga atlántica.
- Filloa reenchida de meloso.
14 h | Presentación e degustación de Chichalovers.
15 h | Presentación e degustación de conservas d’A Conserveira.
17 h | Presentación e degustación de queixo Galmesán.
18 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Terras de Santiago | Restaurante: A Horta do Obradoiro | Cociñeiros: Kike Piñeiro e Eloy Cancela.
- Pescada da lonxa de Ribeira con paté de ramallo de mar.
- Costela de vaca con cabaza.
MÉRCORES 6
12 h | Presentación de Mariscos de Barallobre.
13 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Costa da Morte | Restaurante: Arrueiro | Cociñeiro: Víctor Basante.
- Entremeses de mar (morcilla de arroz con luras, lombo de peixe sapo curado e salgadura de xarda).
- Fabas de Traba de laxe con raia confeitada e emulsión de ramallo de mar.
14 h | Presentación e degustación de algas Mar de Ardora.
- Alga percebe ao natural + Ensalada de ‘wakame’ macerada con salsas orientais + Paté de cogomelo ‘shitake’ con alga espaguete de mar.
15 h | ‘Showcooking’.
Xeodestino: Costa da Morte | Restaurante: Arrueiro | Cociñeiro: Víctor Basante.
- Entremeses de mar (morcilla de arroz con luras, lombo de peixe sapo curado e
- salgadura de xarda).
- Fabas de Traba de Laxe con raia confeitada e emulsión de ramallo de mar.
16 h | Presentación e degustación de queixo Galmesán.
17 h | Presentación e degustación de conservas d’A Conserveira.