O BNG denuncia a escasez de persoal na residencia San Antonio de Padua, en Lugo

por Redacción Lugo

Olalla Rodil: “Só hai dúas traballadoras na quenda de noite para atender a 85 residentes e polas mañás cada xerocultora debe atender a 14 persoas”. “O PP na Xunta cre que así se garante unha boa atención e unhas boas condicións de traballo?”.

Desde o BNG pedímoslle á Xunta de Galiza que esixa á empresa concesionaria, a Fundación Fesán, que reforce o cadro de persoal para garantir a máxima calidade asistencial en todas as quendas, especialmente na noite. Ademais, é imprescindible reformar a normativa que regula as rateos de persoal que se rexe por unha Orde de 1996, de hai vinte e oito anos. Non se axusta á realidade actual. 

Foron familiares das persoas usuarias quen alertaron ao Bloque Nacionalista Galego do que está a acontecer na residencia San Antonio de Padua, en Lugo, inaugurada hai apenas uns meses. Segundo nos contan e como puidemos comprobar, na quenda de noite só hai dúas persoas traballadoras para atender as 85 residentes que viven actualmente na residencia, das cales 60 son grandes dependentes. 

Para atender todas as persoas usuarias dispoñen de 6 xerocultoras na quenda de mañá e 5 na de tarde así como dúas enfermeiras. Na quenda de noite o persoal redúcese a apenas dúas persoas para atender todas as persoas usuarias.

“O PP cre, realmente, que se pode garantir unha boa calidade asistencial con este persoal tan reducido? Por que permite? “ preguntase a deputada nacionalista

Mais a escaseza de persoal non afecta só á atención directa, tamén a outros servizos esenciais como a cociña e a limpeza. 

Na cociña só hai unha persoa cociñeira e unha axudante por quenda que deben facer o xantar para todo o centro residencial. A limpeza e lavandería aténdena, conxuntamente, dúas únicas persoas. 

Este é un cadro de persoal absolutamente insuficiente que deixa unha rateo de 14 persoas por xerocultora para atender todas as súas necesidades básicas. É importante sinalar que falamos de persoas, especialmente no caso das grandes dependentes, que precisan apoio e axuda para levar a cabo labores diarios elementais como erguerse, asearse, vestirse ou comer. 

Cómpre lembrar que a Residencia de maiores San Antonio de Padua foi construída pola Fundación Amancio Ortega e entregada á Xunta de Galiza sen custe algún. Posteriormente, a Consellaría de Política Social adxudicoulle a súa xestión á Fundación Fesán, de Estudios y Análisis, unha entidade dedicada especialmente á análise de datos malia estar nos últimos anos abrindo nicho de mercado no sector dos coidados. 

A concesión realizouse de maneira conxunta sobre as residencias de Lugo e Santiago por valor de máis de 10 millóns de euros, nun período inicial de 2 anos prorrogábeis até un máximo de tres, e un beneficio industrial para a empresa adxudicataria do 5%. A razón da súa adxudicación a Fesán foi, segundo se recolle na web de contratos públicos de Galiza, a redución do custe para a administración ao rebaixar a Fundación Fesán o 12% o prezo por praza e día. 

Desde o BNG preguntámonos se este é o modelo de coidados que defende o Partido Popular, privatizar servizos públicos para deixalos en mans de entidades que tiran á baixa os prezos. Desde logo, “para o Bloque Nacionalista Galego a atención das persoas maiores e dependentes é unha cuestión de dereitos fundamentais que debe garantirse a través de servizos públicos da máxima calidade” conclúe Olalla Rodil

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario