A alcaldesa interviu no acto de inicio das obras de ampliación do Porto Exterior de Punta Langosteira, financiadas con fondos Next Generation
A alcaldesa, Inés Rey, interviu no acto de inicio das obras de ampliación do Porto Exterior de Punta Langosteira: «Hoxe damos un novo paso decisivo para o futuro do noso Porto Exterior, unha infraestrutura que simboliza a aposta pola transformación e o desenvolvemento sostible», destacou a alcaldesa. Tamén interviu Dolores Salorio, directora de obra; o presidentes da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado; o presidente de Puertos del Estado, Alvaro Rodríguez Dapena; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Asistiron ao acto subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage.
Rey subliñou o papel clave da colaboración entre administracións para a consecución do enlace ferroviairo do Porto Exterior: «Cando traballamos xuntos, podemos converter proxectos en realidades». Nese marco, a rexedora salientou o traballo conxunto para redefinir a fachada marítima da cidade coa sinatura do protocolo Coruña Marítima. «Quen me coñece sabe que concibo o entendemento como a principal ferramenta política. Con esa premisa lideramos o desbloqueo do acceso ferroviario ao Porto Exterior no 2021 e acabamos de asinar o protocolo Coruña Marítima para adaptar os terreos portuarios interiores á nova realidade social como espazo público», completou Rey.
A intervención potenciará o transporte de graneis sólidos e líquidos, facilitando o asentamento de novas empresas e proxectos en sectores clave como as enerxías renovables e a tecnoloxía offshore. Rey destacou que «o hidróxeno verde poderá converterse no verdadeiro petróleo galego» a través de empresas como Fisterra Energy, Enerfin, Navantia, Acciona ou Ferrovial para liderar esta transformación. «Estamos construíndo o futuro que queremos para A Coruña e Galicia» aseverou. Así mesmo, agradeceu o apoio económico do Goberno de España a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, tanto no acceso ferroviario como nas obras iniciadas para a mellora da conectividade da dársena coa rede ferroviaria xeral.