ADEGA: “Autorización ambiental “express” e fraudulenta para o recrecimento da balsa de lamas vermellas de Alcoa”

por 21 Noticias

O pasado 11 de outubro a D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental concedeu unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorábel para o proxecto de Alúmina Española S.A. de recrecer a balsa mineira de lamas vermellas dende a cota 100 á 104. En apenas 4 meses e con só 17 páxinas, a administración ambiental resolveu autorizar un proxecto que atinxe á instalación mineira de maior risco de Galiza, deixando sen resolver importantes cuestións relativas á seguridade e efectos na saúde dos refugallos alí almacenados, e demorando aínda máis a aprobación dun plano de peche e restauración obrigatorio por lei.

O proxecto de recrecido, xunto co de peche e restauración, iniciou a súa tramitación en agosto de 2022 coa exposición pública. Non foi até o 11 de xuño de 2024 que Minas enviou a Medio Ambiente o expediente para o trámite ambiental. Despois de case 2 anos sen mover un papel e en apenas 4 meses, Avaliación Ambiental resolveu o trámite e emitíu unha DIA favorábel o pasado outubro. Chama a atención a extraordinaria celeridade con que se redactaron e incorporaron os informes preceitivos doutros departamentos da Xunta como Patrimonio Natural, Augas, Emerxencias, Medio Rural, Mar…

Unha avaliación ambiental incompleta e trucada

Malia a térense tramitado conxuntamente o proxecto de recrecido e o plano de restauración, a autorización ambiental emitida atinxe unicamente ao primeiro. Sobre o segundo, a DIA recolle que deberá achegarse un ano antes de que remate a vida da balsa. Porén, que hai do plano de restauración xa presentado? Dase a circunstancia de que para os outros recrecementos históricos autorizados previamente (en 1986, 1995 e 2006) a empresa non achegou ningún proxecto de peche. O primeiro do que tivemos noticia foi presentado en 2014 e modificado en 2015 e 2019, mais nunca se fixo público porque a Xunta denegou a ADEGA o acceso ao documento (xullo de 2020) por estar «en curso de elaboración». Así que temos unha instalación mineira que dende hai máis 40 anos non ten un plano de restauración aprobado formalmente, maila a ser obrigatorio por lei. E agora o presentado xunto co recrecido semella non valer e demórase até arredor de 2029…

E polo que atinxe ao alcance da autorización ambiental, esta non non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros, malia a estaren incluídos no EIA do proxecto. Trátase pois dunha DIA incompleta, que ignora factores chave para determinar o impacto ambiental dunha instalación de alto risco para o ambiente e a saúde humana.

«Ti vai facendo»: 40 anos acumulando residuos que agora a Xunta considera perigosos

Resulta sorprendente que nos máis de 40 anos de funcionamento da balsa, os residuos (fundamentalmente lamas vermellas) non tiveran a consideración de materiais perigosos. De feito, no EIA do proxecto de recrecemento a empresa seguía a catalogar as lamas vermellas como «non inertes, non perigosas» co código LER-01 03 09 (Lodos rojos procedentes de la producción de alúmina distintos de los mencionados en el código 01 03 10). Sorprendentemente e polas informacións contidas na DIA, durante a tramitación produciuse un cambio das propiedades do residuo almacenado na balsa, considerado agora como HPO4 (irritante) e HPO8 (corrosivo). Este feito supón unha nova caracterización das lamas vermellas como residuo, que agora pasan a ser LER-01 03 10* (Lodos rojos procedentes de la producción de alúmina que contienen sustancias peligrosas distintos de los residuos mencionados en el código 01 03 07), isto é, residuos perigosos.

Vista a nova consideración das lamas como residuo perigoso, a D. X. de Emerxencias indicou que a empresa deberá modificar o Plan de emerxencia interior e, consecuentemente, a administración deberá revisar tamén o Plan de emerxencia exterior. A D. X. de Saúde Pública require tamén que a empresa realice previamente unha caracterización completa dos residuos localizados no vaso, que deberán ter a consideración de residuo perigoso e seren tratados como tal. Requírese tamén un estudo da xeohidromorfoloxía do depósito e en base aos resultados, Augas deberá modificar tamén os parámetros da autorización de vertedura. E finalmente a D. X. de Patrimonio Natural esixe á empresa que presente un sistema independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a actividade: «Débese incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida». 

Dende ADEGA preguntámonos como se pode conceder a autorización ambiental a un proxecto que, no medio da tramitación, modifica as características do principal axente contaminante e provoca que varios departamentos da administración requiran novos estudos e actuacións. Estes requerimentos deberían ser sempre previos á DIA, e non estaren incorporados como condicionantes nunha declaración favorábel. Este proceder vulnera o espírito e a letra la Lei 21/2013 de Avaliación ambiental, xa que con semellantes carencias e incertezas non se poden avaliar axeitadamente os impactos do proxecto no ambiente e na saúde, polo que esta DIA debería ser considerada nula e, ao abeiro do art. 38.2 da antedita lei, a empresa debería presentar un novo estudo de impacto ambiental.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario