Rego urxe o Goberno a “solucionar o conflito laboral na AEAT e mellorar os servizos na Galiza”

por Redacción Galicia

Garantir o poder adquisitivo do persoal ao servizo da Axencia ou financiar a carreira administrativa do persoal: algunhas das medidas propostas polo BNG.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas para exixir ao Goberno do Estado que solucione o conflito laboral que se está a producir na Axencia Estatal para a Administración Tributaria e mellore as condicións de traballo do persoal. O deputado do BNG, Néstor Rego, defende a necesidade de garantir o poder adquisitivo do persoal ao servizo da Axencia e mesmo que o Goberno contemple, entre outras cuestións, modificar o orzamento que permita financiar a carreira administrativa das traballadoras e traballadores. Alén disto, urxe o executivo a recuperar todos os centros administrativos na Galiza e evitar, así, o deterioro dos servizos.

A Axencia Estatal para a Administración Tributaria (AEAT) leva en situación de conflito desde o pasado mes de abril, declarado por 80% da representación da Mesa Delegada. De facto, o pasado mes de xuño, delegadas e delegados sindicais fechábase na Dirección Xeral como protesta simbólico e co obxectivo de reactivar a negociación colectiva. Durante o verán, existiu unha mediación que se materializou nun documento de recomendacións onde moitos dos puntos daban a razón á parte social.

Cuestións relevantes como a reactivación do Acordo de Carreira Profesional e Administrativa de 2007, a negociación dun novo Convenio Colectivo, a negociación de todas as produtividades, a declaración de Vixilancia Aduaneira como profesión de risco, a prestación do servizo no Modelo de Información e Asistencia de 9 a 19h ou un acordo para o teletraballo.

Ante esta situación, o BNG demanda ao Goberno do Estado aproveitar a reunión do vindeiro martes para desbloquear esta situación e levar a cabo medidas para pór fin a esta situación e desbloquear as negociacións do convenio colectivo destes traballadores e traballadoras públicos. “O executivo ten que contemplar, entre outras cuestións, unha modificación orzamentaria que permita financiar a carreira administrativa do persoal ao servizo da AEAT. Unha cuestión acordada cos traballadores en 2007 e a día de hoxe non se está a cumprir” subliña Rego.

“Ademais, tense que levar a cabo medidas adicionais que permitan garantir o poder adquisitivo do persoal. Nos últimos anos a fenda salarial entre os distintos subgrupos e dentro de cada subgrupo foise agrandando debido á falta de aplicación e actualización do Acordo de Carreira e de negociación dun novo Convenio Colectivo” sinala o deputado do BNG. 

O bloqueo da negociación colectiva tamén se estende ao marco do teletraballo, sen dereitos recoñecidos para o persoal ao servizo da AEAT e en precario, así como á imposición dun sistema de información e asistencia absolutamente discrecional, sen negocias as retribucións fixas e horarios dos postos de traballo, sen negociarse tampouco as condicións de todos os horarios especiais.

Actuacións específicas na Galiza: recuperar os centros administrativos

O Plan Estratéxico da AEAT 2024-2027 sinala a aposta da Axencia polo denominado “modelo de información e asistencia integral”. Alén da falta de negociación dos horarios especiais e retribucións a el asociadas, este modelo aposta pola atención mediante medios telemáticos e telefónicos. Malia falar dunha atención presencial de calidade, todas as medidas organizativas van encamiñadas á atención a distancia das persoas contribuíntes, o que se reforza coa falta de cobertura de prazas vacantes nas Administracións emprazadas nas cabeceiras comarcais da Galiza.

“Esta aposta supón a concentración dos servizos tributarios nas cidades, obrigando a recorrer a xestorías privadas para realizar determinadas xestións ou a cubrir grandes distancias para realizalas persoalmente” denuncia Rego. Tendo en conta a realidade sociodemográfica da Galiza e a precariedade da rede de transporte público do País, “supón privar na práctica dos seus dereitos a boa parte do pobo galego polo que o BNG demanda ao Goberno recuperar os centros administrativos na Galiza da AEAT os índices de traballadores e traballadoras existentes no ano 2000, así como para evitar a perda de emprego público e o deterioro dos servizos”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario