Tui pon en marcha o programa “Coida o corpo”

por Redacción Pontevedra

Trátase dun programa preventivo a nivel físico para maiores de 55 anos. Desenvólvese en Guillarei e Ribadelouro de xeito experimental.

O Concello de Tui segue apostando pola prevención do deterioro da veciñanza maior de 55 anos en colaboración con Afaga Alzheimer. 

Unha vez consolidado o programa preventivo a nivel cognitivo Cultiva a Mente en todas asparroquias do municipio, comézase coa implantación do homólogo a nivel físico Coida o Corpo. Deste xeito, asegúrase a atención e prevención a nivel global dos participantes (tanto a nivel da mente e coma do corpo). 

O programa Coida o Corpo promove o envellecemento activo a nivel físico, funcional e social. É un programa deseñado para exercitar o corpo, á vez que se fomenta a socialización dos e das participantes. A través dunha metodoloxía activa e dinámica, trabállanse habilidades como a coordinación, forza, flexibilidade e resistencia.

Vai dirixido a persoas maiores de 55 anos sen diagnóstico de demencia. As sesións teñen prazas limitadas, con 15 persoas por grupo.

No mes de outubro púxose en marcha a proba piloto deste programa nas parroquias de Guillarei e Ribadelouro cos usuarios do programa Cultiva a Mente. Esta experiencia desenvolverase ata finais deste ano para analizar a súa acollida e viabilidade. O responsable da realización das sesións é Miguel Vázquez, Técnico da Actividade Física e do Deporte de AFAGA.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz; e o presidente de Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, deron á benvida ás persoas participantes neste proxecto piloto. O alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta a aposta que dende o Concello de Tui se fai polos Servizos Sociais, traballando con Cultiva a Mente e agora con Coida o corpo” no ámbito da prevención. O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, explicou coma este novo programa se inicia de forma experimental en dúas parroquias, pero que, en función da acollida e desenvolvemento que teña, o obxectivo é que poida chegar a todas as parroquias.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario